publicidade hoxe

Educación impulsa a FP Dual en Ferrolterra cun acordo que involucra ao empresariado do naval e da súa industria auxiliar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal Portada
A-
A+

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e o sector empresarial de Ferrolterra veñen de ratificar un acordo pioneiro para o impulso das ensinanzas de Formación Profesional Dual no sector do naval e a súa industria auxiliar en toda a comarca, que repercuta nunha formación de calidade e adaptada á realidade socioeconómica da zona.

O CIFP Ferrolterra -centro de referencia das ensinanzas de FP nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal- foi o escenario da sinatura do dito convenio que hoxe subscribiu a conselleira Carmen Pomar, xunto con representantes da empresa Navantia, da Confederación de Empresarios de Ferrolterra, Cofer (que integra 10 asociacións), da Asociación de Empresarios de Ferrolterra (con 155 empresas na comarca, 45 delas pertencentes aos sectores industrial e naval), co Cluster do Naval Galego, Aclunaga (126 empresas do sector naval); coa Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia, Asime (125 empresas tamén relacionadas co naval), coa Asociación de Empresas do Sector Naval Público da ría de Ferrol, e a Asociación de empresas Siderometalúrxicas da Coruña.

Carmen Pomar agradeceu a implicación dos representantes dos empresarios e do sector naval e industria auxiliar no impulso da FP dual, unha modalidade de formación que a Consellería ten como obxectivo reforzar e para o cal é necesaria a participación activa das empresas. Segundo a conselleira, con este tipo de acordos lógrase un dobre beneficio, xa que desde o ámbito educativo se ofrece unha formación máis práctica e pegada á realidade do mercado laboral, e, por outra parte, o sector empresarial e industrial dispón de profesionais cualificados.

A conselleira de Educación tamén se referiu ao CIFP Ferrolterra, que é o centro de referencia para toda a comarca nesta materia, e cunha ampla experiencia na posta en marcha de proxectos de FP Dual. De feito, grazas á colaboración con catro empresas punteiras no seu sector (Navantia, Grupo Cándido Hermida, Windar Offshore e Naturgy) actualmente hai máis dun cento de alumnos formándose nesta modalidade de formación en áreas como o naval, as enerxías renovables e a madeira e o moble. Precisamente, as ensinanzas que se imparten no CIFP Ferrolterra xunto co CIFP Rodolfo Ucha fan desta zona unha das comarcas con maior número de alumnado nesta modalidade formativa

Galicia conta cunha ampla oferta de FP, con máis de 51.000 estudantes (entre 1º e 2º curso), unhas ensinanzas que, segundo a conselleira, nos últimos anos gañaron en calidade e en prestixio xa que permiten o desenvolvemento do talento do alumnado ao tempo que garanten a inserción laboral.

Non obstante a conselleira salientou a necesidade de seguir apostando por unha Formación Profesional que sexa capaz de dar resposta aos novos retos, axustando a formación do alumno ao cada vez máis cambiante mercado laboral e nun escenario global. Neste senso lembrou que desde o seu departamento se vai incidir especialmente en aspectos como o coñecemento de idiomas, -apostando pola incorporación dos centros de FP ao proxecto plurilingüe e pola definición dun módulo profesional en inglés técnico-, a innovación, a investigación, os avances tecnolóxicos e o emprendemento.

Así mesmo, desde a Consellería de Educación continúase coa aposta pola mellora das instalacións educativas así coma dos servizos dotacionais. De feito, soamente no CIFP Ferrolterra nos últimos anos a Consellería destinou máis de 900.000 euros á dotación de equipamento e material específico para a implantación e desenvolvemento de ensinanzas de FP vinculadas á industria 4.0.

Visita CEIP Cruceiro de Canido

Trala sinatura do protocolo no CIFP Ferrolterra, a conselleira de Educación aproveitou para coñecer as instalacións do CEIP Cruceiro de Canido así como intercambiar experiencias coa comunidade docente deste centro que congrega uns 400 alumnos, e no que a Consellería está estudando a posibilidade de acometer unha reforma integral das instalacións.

O CEIP Cruceiro de Canido participa en varios dos programas educativos impulsados pola Consellería como é o caso do Edixgal, de educación dixital; os contratos-programa (con liñas específicas de Reforzo, Mellora de Competencias clave, Mellora da convivencia e promoción da igualdade e Mellora da calidade da xestión dos centros), así como no Eramus (con dous proxectos de formación e intercambio), entre outros.

19 de febreiro de 2019 | 16:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.