A Xunta pon en valor as posibilidades que ofrece a industria forestal para impulsar a economía circular e que Galicia se poida diferenciar
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe a aposta da Xunta pola formación e a investigación aplicada á industria forestal na visita que desenvolveu en Lugo ao laboratorio de Pemade, a plataforma tecnolóxica da Universidade de Santiago (USC) que leva a cabo proxectos centrados no uso eficiente da madeira e aplicados ao urbanismo sustentable, á construción de edificios en madeira eficientes desde o punto de vista enerxético e ao desenvolvemento de elementos en madeira para a edificación de baixo consumo.
Conde puxo en valor as posibilidades que ofrece esta industria para impulsar a economía circular e poder diferenciarse, sinalando a importancia de que a I+D+i sexa un complemento específico para que o sector poida crecer e para que o faga desde un punto de vista sustentable. Ao respecto, puxo como exemplo o traballo que realiza o laboratorio, referente a nivel nacional e internacional, que se constituíu hai 11 anos nos que leva formado a máis de 150 alumnos e alumnas. De feito, Galicia, xunto con Madrid e País Vasco, é a terceira comunidade que dispón dun laboratorio destas características, que está acreditado pola Enac para facer este tipo de estudos. Conde apostou pola madeira estrutural como un referente de cara ao futuro.
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria apuntou que un dos retos da Administración autonómica é impulsar o crecemento en Galicia no eido forestal, apoiando a innovación tecnolóxica entre as empresas que o conforman e a modernización das súas infraestruturas. Indicou, ao respecto, que o forestal é un sector estratéxico na Comunidade galega, lembrando que conta co recurso e cunha industria de primeira e segunda transformación, polo que é preciso apostar, como elemento diferenciador, polo coñecemento, a través da Universidade e os centros tecnolóxicos, para favorecer a súa modernización. “É importante xerar valor a partir do recurso apostando pola innovación”, engadiu. Conde subliñou, ademais, a importancia da colaboración da industria co coñecemento para ofrecer solucións innovadoras.
Así, a Xunta está a mobilizar este ano 32,5 millóns de euros -11 millóns de investimento público- a través de tres programas de axuda dos que se poderán beneficiar arredor de 130 empresas. Entre as liñas de apoio, Conde resaltou a destinada a incorporar nova maquinaria máis avanzada desde o punto de vista tecnolóxico á que dedica un orzamento de 8,6 millóns de euros. Así mesmo, indicou que a Xunta deseñou, xunto co sector, unha Estratexia de formación específica na que participan máis de 5000 alumnos e alumnas.
Para rematar, Conde asegurou que se a industria forestal vén de marcar un récord histórico en exportacións en 2018 e un récord histórico no que respecta ao volume de corta de madeira é porque as empresas e os centros tecnolóxicos están a facer un esforzo por ser máis competitivos.