publicidade hoxe

A Xunta inicia esta semana os cursos no Centro de Formación Ocupacional de Lugo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugo
A-
A+

A Consellería de Economía, Emprego e Industria dá comezo esta semana á programación de cursos propios no Centro de Formación Ocupacional de Lugo, que ofrecerán 255 prazas para traballadores desempregados e dan dereito á obtención dun certificado de profesionalidade.

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, sinalou que ao longo das vindeiras semanas poranse en marcha en total 17 actividades formativas, que supoñen un investimento de 439.000 euros; os cursos teñen unha duración de entre tres e sete meses.

Balseiro subliñou que este centro da Xunta dispón “dos medios materiais e didácticos necesarios para impartir axeitadamente os coñecementos teóricos e prácticos que se requiren para acadar unha formación profesional de calidade”. Ao respecto, lembrou que a consellería colabora con distintas entidades cedendo as instalacións para outro tipo de accións formativas cando hai a dispoñibilidade de aulas.

Nesta semana, a consellería pon en marcha os cursos de Actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería, Montaxe e mantemento de instalacións frigoríficas e Operacións auxiliares de mantemento en electromecánica de vehículos. E para o próximo día 26 está previsto o inicio do curso de Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais.

No mes de marzo comezarán as actividades formativas nas especialidades de Soldadura con electrodo revestido e TIG, e Xestión contable e xestión administrativa para auditoría. En maio iniciaranse os de Levantamentos e replanteos, Deseño de calderería e estrutucturas metálicas, Montaxe, posta en servizo, mantemento, inspección e revisión de instalacións receptoras e aparellos de gas, un curso de Docencia de formación profesional para o emprego, e outro de Montaxe e mantemento de sistemas domóticos e inmóticos.

E xa entre xuño e agosto comezarán accións formativas en Instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes, Mantemento dos sistemas eléctricos e electrónicos de vehículos, Montaxe e reparación de sistemas microinformáticos, Montaxe e mantemento de instalacións de climatización ventilación-extracción, Atencións sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais e Docencia de formación profesional para o emprego.

As persoas que estean interesadas nestas actividades poden coñecer as datas concretas de inicio e outra información de interese na Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria -no edificio administrativo da Xunta na Ronda da Muralla- ou no propio centro de formación, situado no barrio de Montirón (Paseo dos Estudantes, 33).

O centro está dotado de 11 aulas para acoller clases teóricas e diversos talleres para prácticas de construcións metálicas, soldadura, fontanaría e renovables, frío e climatización ou automoción, entre outros servizos.

Durante o pasado verán, a Consellería executou un proxecto de reforma nas instalacións, no que investiu 325.000 euros e que consistiu basicamente na substitución das carpintarías exteriores e a cuberta para mellorar o illamento e o confort térmico.

20 de febreiro de 2019 | 17:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.