A Xunta destinou 730.000 euros para atender 3.200 actuacións da quenda de oficio na comarca de Santiago
O director xeral de Xustiza, Juan José Martín e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, asistiron hoxe a un encontro de traballo co Decano Colexio de Avogados, Francisco José Rabuñal, e co Decano do Colexio de Procuradores, Fernando González-Concheiro, para facer balance do servizo de asistencia gratuíto en Santiago de Compostela e a súa área de influencia. Concretamente, no ano 2018, se levaron a cabo en Santiago e nos partidos xudiciais da súa influencia máis 3.200 actuacións para atender ás persoas beneficiarias por este servizo gratuíto da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.
O ámbito de actuación dos Colexios de Santiago que conta con 962 avogados nos sistema de Quenda de Oficio, son os partidos xudiciais de Santiago (893), Ordes (17), Padrón (18), Negreira (19) e Arzúa (15).
A Xunta inverteu no 2018 en Xustiza Gratuíta, dependente dos Colexios de Avogados de Santiago de Compostela, máis de 730.000 euros para atender 1.019 casos de xurisdición civil, 2.033 casos en xurisdición penal, 61 asuntos de xurisdición contencioso-administrativa e 173 casos de xurisdición social.
O delegado territorial informou dos requisitos que se teñen que cumprir os beneficiarios para acceder a este servizo do goberno autonómico. Concretamente, teñen dereito a esta prestación gratuíta os cidadáns españois, os nacionais e os dos demais Estados membros da Unión Europea e os estranxeiros que residan legalmente en España, cando acrediten insuficiencia de recursos para litigar.
Os estranxeiros non residentes que acrediten insuficiencia de recursos para litigar, terán dereito á asistencia letrada e á defensa e representación gratuítas na xurisdición penal, nos procedementos administrativos ou xudiciais que poidan levar á denegación da súa entrada, á súa devolución ou expulsión do territorio español e en todos os procedementos en materia de asilo. Como excepción, non será necesario acreditar insuficiencia económica na xurisdición Militar, nin na orde xurisdicional social aos traballadores e os beneficiarios do sistema de Seguridade Social.
En canto aos requisitos económicos teñen dereito a este servizo as persoas físicas cando os seus recursos e ingresos, en cómputo anual e por unidade familiar, non superen o dobre do salario mínimo interprofesional vixente no momento de efectuar a solicitude. En canto as persoas xurídicas teñen dereito á Xustiza Gratuíta cando a súa base impoñible no Imposto de Sociedades sexa inferior á cantidade equivalente ao triplo do salario mínimo interprofesional en cómputo anual.
Ovidio Rodeiro destacou que a Xunta de Galicia “reafirma o seu compromiso coa Quenda de Oficio como un servizo fundamental para garantir a igualdade de acceso á Xustiza de toda a cidadanía”. O pasado ano 2017, Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e o Consello da Avogacía Galega asinaron un novo acordo que incrementou as compensacións económicas destinadas aos colexios de avogados e procuradores polas actuacións dos seus colexiados no ámbito da asistencia xurídica gratuíta, situando á nosa comunidade á cabeza de España no referente ás remuneracións dos letrados da quenda de oficio. No ano 2018 en Galicia incrementouse a partida destinada a este servizo en outros 200.000 euros.