publicidade hoxe

A Xunta destinou 250.000 euros para obras e diverso equipamento no concello de Agolada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAgoladaLocal Portada
A-
A+

A directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís visitaron esta mañá o concello pontevedrés de Agolada, que segundo indicou a directora xeral, recibiu nos últimos anos mais de 250.000 euros das axudas da Vicepresidencia.

Concretamente este ano, o concello recibiu 20.000 euros para a brigada medioambiental e 15.541 euros para a mellora dos equipamentos municipais para traballos forestais e de prevención de incendios con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental. A Orde está dirixida para que as entidades locais poidan levar a cabo actuacións globais destinadas á conservación, reposición e restauración do ambiente e reequilibrio territorial.

Marta Fernández-Tapias lembrou que a convocatoria do Fondo de Compensación Ambiental está dotada con 11 millóns de euros para toda Galicia. O mesmo día publicouse a Orde de infraestruturas de uso público, tamén destinada a concellos, e que conta cun orzamento de 3 millóns de euros, un 30% máis que no exercicio anterior.

A Orde inclúe dúas liñas de subvencións. Por unha banda, a convocatoria de subvencións de natureza non competitiva, destinada a aqueles concellos de Galicia cuxo territorio municipal estea dentro da poligonal de delimitación dun parque eólico e, por outra banda, a convocatoria de subvencións de natureza competitiva, destinada aos concellos de Galicia de maneira individual ou conxunta mediante agrupacións ou asociacións de concellos, así como ás mancomunidades de concellos e aos consorcios locais de Galicia.

20 de febreiro de 2019 | 17:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.