A Xunta crea nesta lexislatura 12 prazas públicas de atención á discapacidade intelectual máis nos centros da Fundación Menela
A conselleira de Política Social, Fabiola García, destacou que a Xunta de Galicia creou nesta lexislatura 12 prazas públicas de atención á discapacidade intelectual máis nos centros da Fundación Menela, ata chegar hoxe a un total de 67. Fíxoo durante a súa visita ao centro residencial e centro de día desta entidade en Nigrán, con motivo da celebración do Día Internacional do Síndrome de Asperger.
Fabiola García sinalou o obxectivo do Goberno galego de achegar recursos axeitados para todas e todos máis alá das nosas diferenzas. Un compromiso que se plasma, por exemplo, nos 1,5 millóns de euros que destina a Administración autonómica a financiar prazas na oferta desta entidade, un 33% máis do que recibían hai 10 anos.
Así mesmo, a conselleira subliñou que esta non foi a única mellora que a Xunta de Galicia puxo á disposición de Menela, pois recordou que no último ano se incrementou o convenio coa asociación en 800.000 euros para que as 14 prazas que ata 2018 só funcionaban de luns a venres pasasen a estar dispoñibles os sete días da semana.
Ademais, Fabiola García gabou o traballo realizado por esta entidade no eido da atención á discapacidade. Un esforzo, apuntou, compartido co Goberno galego para conseguir un mesmo obxectivo, que en Galicia ter discapacidade non signifique ter menos oportunidades. Para acadar tal fin, recordou que están en vigor os orzamentos máis sociais da historia da nosa comunidade.
Os orzamentos de 2019 destinan 106 millóns de euros a discapacidade, un 63% máis do que se investía no 2009. Con este importe, ampliáronse ata preto de 5.500 as prazas públicas para atender a persoas que ven limitada a súa autonomía e multiplicouse por seis a extensión da rede galega de atención temperá, que na actualidade presta servizo a 92 concellos.