publicidade hoxe

A Xunta colabora co Concello de Catoira nas obras de remate da casa do concello e na ampliación da rede de saneamento

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCatoiraLocal Portada
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá no concello de Catoira, acompañado polo seu alcalde, Alberto García, as melloras levadas a cabo no edificio consistorial e na rede de saneamento de Menda na parroquia de Dimo a través de dúas liñas de axudas de Vicepresidencia.

Concretamente, segundo indicou Cores Tourís, este concello recibiu unha axuda da Orde de Infraestruturas de mais de 48.000 euros, que foi destinada a levar actuacións de remate do novo edificio consistorial, en concreto, o acondicionamento do andar superior e das escaleiras de evacuación, e a instalación de protección contra incendios, electricidade, ventilación, telecomunicacións e sinalización.

“En concreto, instalouse un falso teito de escaiola, acondicionáronse as escaleiras de evacuación, instalouse sinalización de emerxencia e protección contra incendios, así como o sistema de alimentación interrompida e creouse a ventilación dos aseos”, explicou o delegado territorial.

Posteriormente, visitou tamén a obra da rede de saneamento no lugar de Menda, na parroquia de Dimo, que contou cunha axuda do Fondo de Compensación Ambiental non Competitiva de preto de 12.415 euros. En concreto, instalouse a rede xeral de abastecemento a través do vial que sae das inmediacións do parque infantil deste lugar e que enlaza coa estrada que provén de Carracedo, en Caldas de Reis. En total, executáronse 160 metros de rede.

Cores Tourís lembrou que a convocatoria das axudas tanto de esta liña de axudas como da Orde de Infraestruturas de uso público, foron publicadas o pasado 31 de decembro no Diario Oficial de Galicia, e entre ambas ordes suman 14 millóns de euros destinados ás entidades locais de Galicia.

A convocatoria de axudas para infraestruturas municipais subvenciona, entre outras actuacións, a instalación, ampliación ou mellora das redes de luz pública; pavimentación de camiños públicos municipais; construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de parques públicos e parques infantís; construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de edificios ou dependencias municipais destinados á prestación de servizos municipais e/ou dotación de equipamentos destes edificios ou dependencias; e construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de instalacións deportivas de uso público e/ou dotación de equipamentos das referidas instalacións.

As axudas do Fondo de Compensación Ambiental está dirixida para que as entidades locais poidan levar a cabo actuacións globais destinadas á conservación, reposición e restauración do ambiente e reequilibrio territorial. A Orde inclúe dúas liñas de subvencións. Por unha banda, a convocatoria de subvencións de natureza non competitiva, destinada a aqueles concellos de Galicia cuxo territorio municipal estea dentro da poligonal de delimitación dun parque eólico e, por outra banda, a convocatoria de subvencións de natureza competitiva, destinada aos concellos de Galicia de maneira individual ou conxunta mediante agrupacións ou asociacións de concellos, así como ás mancomunidades de concellos e aos consorcios locais de Galicia.

18 de febreiro de 2019 | 18:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.