publicidade hoxe

Vicepresidencia colabora na instalación dunha nova rede de distribución de auga en seis lugares da Lama

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LamaLocal Portada
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello da Lama co obxectivo de analizar, xunto ao alcalde da localidade, Jorge Canda, os proxectos executados a través do Fondo de Compensación Ambiental non competitivo da Consellería de Presidencia que permitiron dotar dunha nova rede de distribución de auga a 6 núcleos poboacionais deste concello.

Deste xeito, A Lama destinou case 66.000 euros a este proxecto, os cales foron subvencionados o 100% pola administración autonómica, co obxectivo de executar unha rede de distribución de auga de uso doméstico en Antas, Cotiño, Cornide, Carreiras e A Porteliña, así como unha galería de captación en Xesta. Trátase da segunda fase deste proxecto na que xa se investiron o ano pasado outros 60.000, conformando un total de 126.000 euros de investimento.

“Con este proxecto, o concello pretendeu continuar coa súa política de mellora de servizos aos cidadáns”, explicou Cores Tourís, quen recordou que a Xunta activa estas axudas do Fondo de Compensación Ambiental un triplo obxectivo: co medio ambiente -está dirixido a actuacións ambientais-, coas facendas locais, xa que representa un importante ingreso para as arcas municipais; e por último co reequilibrio territorial, xa que a maioría dos concellos beneficiados atópanse en zonas rurais do interior de Galicia.

A través do Fondo de Compensación Ambiental non competitivo a Xunta aportou un total de 759.000 euros a 16 concellos da provincia de Pontevedra.

No caso da obra executada na Lama, a nova rede de distribución de auga tivo que ser executada baixo tres tipos de pavimento: terra, formigón e aglomerado, para o que foi necesario a demolición e reposición do pavimento existente, e a instalación de tubaxe de polietilano de alta densidade. Para poder cortar o subministro por tramos en caso de avaria, instaláronse válvulas de bolboreta e así como pozos prefabricados e arquetas con tapa de fundición. En Xesta, a maiores, demoleuse un muro de formigón e o depósito de ladrillo da captación existente.

O delegado territorial da Xunta de Galicia recordou que xa foi publicada a nova orde de Infraestruturas e Fondo de Compensación da Consellería de Presidencia para este ano, e que superará entre ambas os 14 millóns de euros.

Está dirixida a que as entidades locais poidan levar a cabo actuacións globais destinadas á conservación, reposición e restauración do ambiente e reequilibrio territorial e, no caso do Fondo de Compensación, inclúe as dúas liñas de subvencións: por unha banda, a convocatoria de subvencións de natureza non competitiva, destinada a aqueles concellos de Galicia cuxo territorio municipal estea dentro da poligonal de delimitación dun parque eólico e, por outra banda, a convocatoria de subvencións de natureza competitiva, destinada aos concellos de Galicia de maneira individual ou conxunta mediante agrupacións ou asociacións de concellos, así como ás mancomunidades de concellos e aos consorcios locais de Galicia.

A maiores, tamén publicouse, xunto a orde do Fondo de Compensación, a nova Orde de Infraestruturas de uso público, destinada aos concellos de Galicia, de forma individual ou mediante asociacións ou agrupacións de concellos, para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais.

Entre as actuacións subvencionables recóllense a instalación, ampliación ou mellora das redes de luz pública; pavimentación de camiños públicos municipais; construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de parques públicos e parques infantís; construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de edificios ou dependencias municipais destinados á prestación de servizos municipais e/ou dotación de equipamentos destes edificios ou dependencias; e construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de instalacións deportivas de uso público e/ou dotación de equipamentos das referidas instalacións.

Poderán ser beneficiarios desta subvención aqueles concellos de Galicia, de forma individual ou mediante asociacións ou agrupacións, que teñan menos de 30.000 habitantes, ter remitidas as contas do concello correspondentes ao exercicio orzamentario de 2017 ao Consello de Contas. Este requisito deberá estar cumprido antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.

O Fondo de Compensación Ambiental é unha iniciativa que o Goberno da Xunta puxo en marcha en 2010 e que permitiu que por vez primeira os concellos galegos puideran beneficiarse directamente da explotacións eólicas, posto que as actuacións que se realizan son financiadas a través do canon eólico.

24 de xaneiro de 2019 | 17:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.