O conselleiro de Sanidade visita as obras de construción do novo centro de saúde da Estrada
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, visitou hoxe as obras de construción do novo centro de saúde da Estrada, que estase a construír nunha parcela de 4.262 metros cadrados cedida gratuitamente polo concello. O futuro centro de saúde, no que a Xunta vai investir preto de 4 millóns de euros, permitirá tanto aos profesionais como aos pacientes dispor dunha infraestrutura moderna e adaptada ás súas necesidades. Na actualidade, neste concello aténdese a unha poboación de preto de 21.000 tarxetas sanitarias, das que ao redor de 2.300 corresponden a poboación pediátrica.
O edificio da Estrada contará con tres andares ademais dun soto. O acceso principal realizarase a través dunha praza exterior e tamén haberá un lugar para o acceso das ambulancias baixo teito. No baixo andar estará a recepción e administración, cun gran vestíbulo que distribúe a área pediátrica cara un lado, con tres consultas de pediatría e dúas consultas de enfermería pediátrica. Ao outro lado do vestíbulo estará a área de apoio ao diagnóstico, que conta con sala de toma de mostras, sala de radioloxía e sala de ecografía; e a continuación a área de urxencias (PAC), na que haberá dúas consultas de medicina e dúas de enfermería, ademais de dúas salas de reanimación e observación.
No primeiro andar estará a área de medicina, con once consultas de medicina xeral e outras dez consultas de enfermería; ademais de consulta de farmacia, despacho do traballador social, salas polivalentes e a zona de persoal.
No segundo andar situarase a área da muller, que terá dúas consultas de matrona. O centro terá así mesmo neste andar outras consultas como odontoloxía e hixienista dental, unha área de fisioterapia e rehabilitación con catro consultas, e unha área de saúde mental con dúas consultas de psiquiatría e dúas consultas de traballador social.
As obras, que marchan a bo ritmo, teñen un prazo estimado de execución de 17 meses.