publicidade hoxe

Ethel Vázquez avanza o inicio en xuño das obras de mellora de seguridade viaria nos treitos do Camiño de Santiago da provincia de Lugo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugoLugo
A-
A+

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou hoxe en Lugo a licitación do proxecto de execución de mellora de seguridade viaria dos treitos do Camiño de Santiago na provincia, que coinciden coa traza da estrada de titularidade autonómica LU-633, para iniciar as obras o vindeiro mes de xuño, cun orzamento de case 700.000 euros.

Vázquez Mourelle, acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro presentou hoxe en rolda de presa as accións que se levarán a cabo no Camiño Francés, na estrada LU-633, que une Pedrafita e Portomarín, para a mellora da seguridade viaria dos peregrinos, como usuarios vulnerables das estradas. Trátase de intervencións específicas a desenvolver en 5 concellos da provincia: Pedrafita, Triacastela, Samos, Sarria e Portomarín, remarcou.

Coincidindo coa licitación hoxe mesmo desta actuación, a conselleira explicou as intervencións proxectadas, como a mellora da sinalización nos cruces do Camiño de Santiago coa estrada autonómica, para orientar aos peregrinos e lles sexa máis doado seguir a traza da ruta xacobea. Así como, a rehabilitación de treitos do Camiño de Santiago e a súa ampliación en varios puntos ao seu paso polos concellos de Pedrafita, Triacastela e Samos, resolvendo así o estreitamento da traza actual e favorecendo un tránsito cómodo e seguro dos peregrinos.

Concretou que, en Pedrafita do Cebreiro, se dotará ao camiño dun ancho maior no treito situado á saída da parroquia de Hospital. E, tanto na saída de Triacastela como en Samos, ampliarase e rehabilitarase a ruta xacobea, executando 5 treitos de pasarela de madeira.

Este conxunto de medidas, tal e como subliñou a conselleira, buscan favorecer a mobilidade dos peregrinos, facer que a ruta Xacobea sexa máis segura e lograr unha convivencia máis harmónica entre peregrinos e vehículos, facendo as estradas autonómicas máis humanas, máis accesibles e máis seguras, tamén para os peregrinos.

Ethel Vázquez informou que, hoxe mesmo, o seu departamento vén de licitar o proxecto de execución destas actuacións na provincia de Lugo, tendo de prazo as empresas interesadas ata o 11 de febreiro para presentar as súas ofertas. E que se seguirá logo dando os pasos necesarios para iniciar os traballos en xuño e telos rematados a comezos do vindeiro ano, xa que teñen un prazo de execución de 8 meses.

Segundo dixo a titular de Infraestruturas da Xunta, con estas actuacións lograrase que o Camiño Francés na provincia de Lugo sexa máis seguro, máis cómodo e máis acolledor para o paso dos peregrinos. Intervención á que, engadiu, sumaranse os traballos que se continuarán a facer para ampliar o alcance das melloras nas rutas xacobeas a través doutros proxectos, tamén na provincia de Lugo.

Neste sentido, citou outras actuacións previstas nesta mesma estrada LU-633, ao seu paso por Portomarín, para o que se está a redactar o proxecto dun itinerario peonil nun treito que coincide co Camiño Francés a Santiago, no marco do Plan de Sendas da comarca de Lugo.

Ademais referiuse ao proxecto para favorecer a mobilidade e accesibilidade dos peregrinos: O Xacobús, unha liña de autobús que partindo da estación de tren de Santiago pasará pola estación de autobuses e polo aeroporto, seguindo logo a ruta do Camiño Francés ata O Cebreiro. Este servizo, apuntou, facilitará a viaxe de ida cara ao inicio do Camiño de Santiago dos peregrinos que cheguen a Lavacolla, e tamén a chegada a Santiago desde O Cebreiro daqueles visitantes que o desexen.

Vázquez Mourelle sinalou que estes traballos se enmarcan no plan que está a desenvolver o departamento de Infraestruturas da Xunta para lograr ampliar o alcance e pegada do próximo Ano Santo, e converter o Xacobeo 21 en motor de desenvolvemento e dinamización de toda Galicia.

Lembrou que Galicia vivirá dentro de dous anos un grande evento cultural, turístico e económico, O Xacobeo 21, que traerá á Comunidade, ás cidades e vilas galegas, miles de visitantes que se estenderán por todo o territorio, e salientou que esta é unha grande oportunidade que desde o Goberno galego se quere potenciar e aproveitar ao máximo.

Integración paisaxística Camiños en Compostela e noutros puntos das estradas

A Conselleira abundou así nas distintas actuacións que se están a impulsar desde o departamento que dirixe cara a mellorar a mobilidade, reforzar a seguridade viaria dos peregrinos e realizar unha mellora estética e funcional do Camiño de Santiago.

Detallou os distintos traballos que se están a facer nos últimos meses, co obxectivo de chegar preparados e con todo a punto para a celebración do Xacobeo do ano 2021 e coa vista posta en acadar a excelencia na experiencia dos milleiros de peregrinos que se achegarán ata Compostela.

Citou o proxecto importantísimo que se está a cometer cara a integración paisaxística dos Camiños de Santiago en Compostela, para que as rutas xacobeas estean mellor integradas e acaden un maior protagonismo e respondan ás expectativas e ás necesidades dos peregrinos.

Para iso, engadiu, se están a desenvolver actuacións de mellora, de conservación e de integración paisaxística nos Camiños Francés, Inglés e Portugués á súa entrada á cidade, atendendo a criterios paisaxísticos, urbanísticos, patrimoniais e turísticos. Trátase de mellorar as contornas urbanas, favorecer a mobilidade peonil dos peregrinos e dos propios veciños, diminuíndo a incidencia do tráfico rodado e logrando unha imaxe unitaria, de identidade común do Camiño á súa entrada en Santiago.

Expuxo que ás melloras viarias ligadas ao Camiño de Santiago no eido de Compostela se suman actuacións noutros puntos da rede autonómica de estradas, coincidentes coa traza das distintas rutas xacobeas, como é o caso de Lugo, e adiantou as intervencións previstas na provincia de Pontevedra e Ourense.

No caso de Pontevedra se intervirá na mellora da seguridade viaria no lugar de San Caetano, situado no Camiño Portugués, coa construción da Variante de Alba. Esta actuación será complementada cunha senda peonil neste punto da estrada autonómica PO-225, que estará lista para o Xacobeo 2021, e que garantirá a seguridade dos milleiros de peregrinos que transitan pola zona.

E, en Ourense se está a executar un proxecto de mellora da seguridade viaria na estrada autonómica OU-105, en SEIXALBO, coa que tamén se está a incidir na traza do Camiño, mellorando a seguridade dos peregrinos.

A conselleira de Infraestruturas lembrou que se trata de actuacións comprometidas na Comisión de seguridade dos Camiños de Santiago e demandou que o Goberno de España execute as obras pendentes nas estradas nacionais, especialmente no termo municipal do Pino.

14 de xaneiro de 2019 | 16:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.