publicidade hoxe

A Xunta pecha a partir de mañá o tráfico na estrada entre Serrapio e Vichocuntín, en Cerdedo- Cotobade, para avanzar nas obras de acondicionamento

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCerdedoCotobadeLocal Portada
A-
A+

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade pecha ao tráfico a partir de mañá o treito entre Serrapio e Vichocuntín, na estrada PO-230, en Cerdedo- Cotobade, para avanzar nas obras de acondicionamento.

Este corte da circulación no tramo comprendido entre os puntos quilométricos 12+630 e 14+430, obxecto das melloras, levarase a cabo dende as 8 horas de mañá ata o vindeiro 18 de febreiro, aproximadamente.

Os usuarios da estrada disporán da correspondente sinalización para indicarlles os itinerarios alternativos que poden empregar para facilitarlles a súa mobilidade. Así, por exemplo, existirá un desvío pola estrada local que vai a Os Castros, continuando ata as proximidades de Cernedo, onde se poderá acceder á N-541.

As obras consisten na ampliación da calzada ata acadar un ancho de 7 metros e a rectificación de varias curvas para mellorar o trazado da estrada. Actuarase ademais na drenaxe da plataforma, prevendo tamén o tendido e revestimento das gabias de seguridade.

Tamén se prevé construír muros de contención nos puntos necesarios e renovar a sinalización horizontal, vertical e de balizamento.

O Goberno galego, con estes traballos, busca a mellora da seguridade viaria e a comodidade na circulación dos usuarios desta vía.

15 de xaneiro de 2019 | 17:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.