publicidade hoxe

A Xunta impulsa unha iniciativa de economía circular para valorizar os subprodutos e residuos da industria láctea

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCulleredoLocal Portada
A-
A+

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey Vilar, participou esta mañá na sede de CETIM (Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial), en Culleredo (A Coruña), na presentación do proxecto BIOPOL, apoiado pola Xunta no marco do programa Conecta Peme.

Na súa intervención, Argerey destacou o carácter estratéxico desta iniciativa que se aliña coas prioridades da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3), concretamente coa modernización dos sectores primarios galegos para facelos máis sostibles, eficientes e rendibles a través da innovación. Precisamente este proxecto céntrase na valorización de subprodutos e correntes residuais da industria láctea, un sector no que Galicia é líder a nivel nacional e que presenta grandes capacidades. Mostra diso é o proxecto empresarial de Dairylac, que participa como socio no proxecto, e que naceu en 2001 en Melide liderado por cooperativas do sector lácteo co obxectivo de transformar e valorizar o sector.

Argerey puxo tamén de relevo a alianza estratéxica entre empresas de sectores tan diversos como a enxeñaría, representado por Indutec (Lugo) e Soelec (Coirós); o medioambiente, con Enso Innovation (A Coruña); a biotecnoloxía, coa empresa catalá Carinsa, dedicada á produción de fragancias e aromas; ademais de Dairylac; e o apoio de CETIM. Este consorcio garante un coñecemento especializado en cada fase do proxecto. Tamén subliñou o importante papel que xoga o Centro na dinamización da innovación entre o tecido produtivo, xa que desde 2013 ten participado en 16 proxectos de I+D+i apoiados pola Axencia Galega de Innovación a través do programa Conecta Peme.

Economía circular

A meta final do proxecto BIOPOL, dotado cun orzamento de máis de 850.000 euros do que o 50% procede de fondos públicos, cofinanciados no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, é crear un modelo de economía circular que impulse o crecemento sustentable en diferentes sectores mediante o desenvolvemento dunha nova vía de valorización dos subprodutos e residuos xerados na produción do leite e os seus derivados a través da obtención de novos materiais sustentables de aplicación en diferentes produtos comerciais.

Concretamente, o proxecto prevé desenvolver dúas aplicacións comerciais para o biopolímero obtido: aromas e fragancias encapsuladas e absorbentes para a remediación ambiental, ofrecendo deste xeito produtos de alto valor engadido así como solucións a problemas medioambientais.

Argerey subliñou que este modelo de economía circular constitúe o novo elemento de competitividade global e que Galicia está fortemente comprometida con el, en liña coas políticas europeas. De feito, a importancia que está cobrando este ámbito nos proxectos de I+D+i que se están a desenvolver en Galicia reflíctese no incremento no número de proxectos vinculados á economía circular no marco do programa Conecta Peme, que pasou dun 8% na convocatoria de 2016 a un 15% na última convocatoria.

Ademais o proxecto, contribuirá a optimizar o proceso de obtención de biopolímeros -un plástico sostible obtido de fontes verdes- cunha redución de custos considerable e o emprego de rutas máis ecolóxicas. Por outro lado, a pureza dos biopolímeros obtidos, así como o sistema de control e automatización de todas as fases do proceso permitirá a súa aplicación en numerosos sectores industriais.

Balance da convocatoria Conecta Peme

A través do programa Conecta Peme, que ten por obxecto estimular a innovación nas pequenas e medianas empresas galegas para fortalecer a competitividade do tecido empresarial galego a través da cooperación entre os diferentes axentes, resolveuse o ano pasado o apoio a 54 proxectos de I+D+i nos que participan 169 empresas -o 93% pemes- e 24 centros tecnolóxicos e de investigación. Grazas a 27 millóns de euros de axuda pública, mobilizaranse 47 millóns de euros e xeraranse 72 empregos cualificados.

En total, dende a posta en marcha deste programa no ano 2013 lévanse apoiado 187 proxectos de cooperación nos que están a participar 433 empresas e que están xerando 530 empregos.

24 de xaneiro de 2019 | 17:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.