publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta concede 833.000 euros en axudas á internacionalizacion para chegar a 37 pemes en Coruña e comarca

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+

O delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá, a empresa Galuppo Sport Clothes para dar conta das axudas do programa para o impulso á internacionalización das pemes galegas que na cidade e na súa área de influencia deixarán máis de 833.000 euros para apoiar a 37 empresas, 24 delas situadas na cidade a outras 13 en concellos limítrofes. En total, na nosa provincia se beneficiarán deste plan de axudas 85 empresas que recibirán unha achega total de 1,7 millóns de euros.

A peme beneficiada por esta orde de axudas está dedicada á fabricación de prendas de competición para automobilismo con certificado FIA. O importe da subvención concedida é de 53.308 euros para actuacións de promoción, participación en feiras, desfiles certames e outros eventos expositivos e para a elaboración de material publicitario. Concretamente, teñen previsto accións con estas achegas en Estados Unidos, Alemaña, Marrocos, China e Arxentina.

Nestas iniciativas participan compañías de eidos como a alimentación, TIC, o téxtil, os servizos, a madeira-moble, a maquinaria, o naval ou a construción, que desenvolverán accións en 97 mercados de todo o mundo, como a creación de tendas online, a participación en feiras e eventos internacionais e a planificación de axendas de reunión no estranxeiro ou seguimento de clientes.

As axudas do Galicia Exporta Empresas cobren o 70% dos custes, cun máximo de 70.000 euros por solicitude e compañía. As pemes beneficiarias poderán avanzar na súa internacionalización cara a mercados como China, Estados Unidos, Cuba, Arabia Saudí, Australia, Brasil, Arxentina, México, Emiratos Árabes Unidos, Rusia, Marrocos, Xapón ou Colombia, así como distintos países europeos.

O representante do goberno autonómico lembrou que “este ano houbo un incremento de 900.000 euros nos apoios con respecto ao pasado exercicio”. Así, se concederon, a través do programa Galicia Exporta Empresas desenvolto polo Igape, axudas por preto de 5 millóns de euros para apoiar a internacionalización de 261 compañías, o que supón un 49% máis ca na convocatoria anterior.

Neste senso, o delegado territorial lembrou que “o próximo mes de xaneiro abrirase a seguinte convocatoria de solicitude de axudas para levar a cabo accións durante o 2010 e a primeira metade de 2020”.

Este programa é complementario do Galicia Exporta Organismos Intermedios, mediante o que os clústeres e asociacións realizan accións agrupadas de promoción exterior que contan, ademais, co reforzo de bolseiros de internacionalización do programa de capacitación posto en marcha polo Igape e que colaboran no desenvolvemento das actuacións realizadas polas agrupacións empresariais.

No caso dos proxectos agrupados coordinados a través desta liña de axudas, os apoios abranguen o 90% do custo e chegan ata os 150.000 euros. A resolución de axudas aprobada en xullo deste ano achegou 1,5 millón de euros a 34 iniciativas de organismos intermedios das que, só de xeito directo, se benefician 206 empresas.

Ovidio Rodeiro destacou que “mediante os dous programas a Consellería de Economía, Emprego e Industria busca tanto facilitar a internacionalización individual das pemes como favorecer a cooperación e o aproveitamento de sinerxías entre varias compañías”. Ambas iniciativas enmárcase na Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020, que ten por obxectivo facer das exportacións un motor de emprego e crecemento empresarial.

Froito do esforzo do tecido empresarial galego neste eido, co apoio da Xunta, nos primeiros oito meses deste ano as vendas ao exterior de Galicia incrementáronse un 9,5% fronte ao 4,2% da media estatal e situaron á Comunidade galega como a terceira con máis crecemento, acadando nese período un superávit comercial de 2.695 millóns de euros. Galicia atópase así no seu mellor ciclo exportador, tras superar en 2017 a barreira dos 21.000 millóns de euros.

17 de xaneiro de 2019 | 17:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.