publicidade hoxe

Medio Ambiente súmase á campaña ‘Ourense Recopila’ para concienciar á cidadanía sobre a reciclaxe de pilas e baterías

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAllarizLocal Portada
A-
A+

Unha nova campaña para fomentar e concienciar sobre a reciclaxe de pilas, acumuladores e baterías arrincou hoxe en Allariz. Baixo o lema Ourense Recopila, esta iniciativa percorrerá durante un ano distintos municipios da provincia de Ourense con actividades e material divulgativo que se porá a disposición dos cidadáns interesados en coñecer cal é a maneira axeitada de reciclar estes residuos.

A campaña, impulsada por Ecopilas, a fundación encargada en España da concienciación e xestión dos residuos de pilas e baterías, e que conta co apoio da Xunta de Galicia, arrincou esta mañá oficialmente no Concello de Allariz, coa instalación dunha carpa informativa e a presentación oficial dos obxectivos de Ourense Recopila.

No acto participou a directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, María Cruz Ferreira, quen resaltou a importancia de apostar por iniciativas coma esta para que a cultura da reciclaxe e xestos tan sinxelos coma depositar cada tipo de residuos no colector axeitado se convertan nalgo cada vez máis habitual entre a poboación galega.

Ourense Recopila dálle continuación a unha campaña piloto impulsada o ano pasado nalgúns municipios da provincia de Lugo co mesmo obxectivo. Ante o éxito logrado, Ecopilas decidiu repetir a experiencia, trasladándoa nesta ocasión á provincia de Ourense. Unha carpa itinerante percorrerá durante un ano varios municipios ourensáns e desde ela, un equipo de monitores medioambientais informará, asesorará e concienciará á poboación co obxectivo de incrementar os actuais índices de recollida destes residuos entre os veciños.

Así mesmo, tamén se habilitará un servizo de recollida cun número de teléfono (982254878) no que os cidadáns poderán contactar cos responsables dos puntos de recollida de pilas de cada concello.

Obxectivos compartidos con ‘Pilabot’

Esta iniciativa súmase e complementará á campaña Pilabot, posta en marcha a comezos do pasado mes de outubro por parte da Consellería de Medio Ambiente, en colaboración cos xestores Ecopilas, ERP e Ecolec, para sensibilizar aos escolares galegos sobre a importancia de recoller e depositar nos lugares axeitados este tipo de residuos, ao tempo que se lles informa do seu impacto medioambiental.

Como actividade central de Pilabot, a Xunta vén de poñer en marcha un concurso de reciclaxe de pilas no que se inscribiron 150 colexios de primaria e secundaria de toda Galicia. Os centros que consigan as mellores cifras de recollida recibirán un premio económico, que deberán destinar á compra de material escolar ou deportivo para a realización de actividades educativas.

Así mesmo, esta novidosa campaña tamén incluirá accións informativas e charlas educativas nos colexios adheridos, así como actividades participativas e un concurso de fotografía creativa #eusonpilabot, no que as tres fotos que acaden nas redes sociais máis “me gusta” tamén recibirán un premio. Todas as accións programadas no marco de Pilabot prolongaranse ata o mes de marzo, cunha festa final e a entrega de premios aos gañadores das distintas actividades

Un residuo altamente contaminante

Cómpre lembrar que este tipo de residuos teñen unha alta carga contaminante. A modo de exemplo, unha soa pila de botón, como a que se emprega nun reloxo, pode contaminar ata 600.000 litros de auga, o que equivale ao consumo de 30 persoas durante toda a súa vida, polo que resulta primordial que este tipo de residuo se deposite no colector correspondente para darlle o tratamento axeitado.

Ademais, as pilas atópanse en múltiples dispositivos, como xoguetes, cámaras, lanternas, reloxos… polo que desde a Consellería de Medio Ambiente considérase fundamental fomentar a súa correcta separación non só nos fogares, senón tamén nos traballos, centros de ocio ou colexios.

Neste sentido, a coincidencia co Nadal de campañas como a que hoxe arrincou en Ourense ou Pilabot serán unha boa ferramenta para axudar a concienciar aos rapaces e ás súas familias sobre a forma máis axeitada de reciclar pilas e baterías nunha das épocas do ano de maior consumo de aparellos eléctricos e electrónicos.

En todo caso, cómpre subliñar que nos últimos anos tense incrementado de forma notable a concienciación entre a poboación galega con respecto ao tratamento das pilas, pero aínda queda marxe para mellorar. Segundo as cifras de 2017 (último ano con datos completos dispoñibles), en Galicia recuperáronse 225.356 quilos de pilas, o que supón un incremento dun 23% nos últimos 9 anos.

17 de decembro de 2018 | 17:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.