publicidade hoxe

A Xunta leva a 40 centros escolares do rural a formación en seguridade viaria coa campaña O corazón está do teu lado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaToén
A-
A+
Ethel Vázquez na visita ao centro

Ethel Vázquez na visita ao centro

A Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, visitou hoxe o CEIP Saco e Arce, no Concello de Toén, no marco da campaña: O corazón está do teu lado, que está a levar a 40 centros escolares do rural a formación en seguridade viaria, fomentando hábitos e condutas seguras entre os máis cativos, “xa que o que se aprende de pequeno non se esquece nunca”, remarcou.

Vázquez Mourelle participou esta mañá cos nenos de 1º a 6º de Primaria deste centro escolar ourensá e abundou no traballo de concienciación da Xunta. para que os máis novos se preocupen pola súa propia seguridade viaria e contribúan, deste xeito, tamén á seguridade dos demais. Trátase dun programa educativo que, tal e como indicou, busca fomentar hábitos e condutas seguras, ofrecéndolle aos máis novos consellos e normas básicas de seguridade viaria.

Segundo incidiu, a campaña que baixo o lema O corazón está do teu lado se levará a 40 colexios entre este curso e o que vén, permitirá seguir explicando e ensinando aos máis cativos a marxe da estrada pola que deben camiñar, sempre pola esquerda, polo lado do corazón.

Salientou a moi boa aceptación da campaña, tanto por parte do profesorado como polo alumnado, grazas tamén ao protagonista da campaña, o peluche de corazón xigante Latexo, que se encarga de explicar aos rapaces o importante que é que empreguen as sendas peonís, que camiñen sempre polo lado do corazón ou que que se fagan ver o máximo posible aos vehículos que circulan pola vía para evitar accidentes.

Deste xeito, continuou explicando, durante estas xornadas, se están a repartir 7.200 chapas-reflectoras –en forma de emoticonos- entre os rapaces, cos que se quere concienciar e educar aos máis cativos para que se fagan ver nas estradas. E se están a distribuír unidades didácticas para que os profesores dispoñan do material idóneo para poder traballar cos alumnos.

Ademais, dixo, adicionalmente nalgúns colexios se aproveita para levar a cabo un estudo dos diferentes tipos de desprazamentos que se realizan no ámbito do centro escolar.

Subliñou que con esta proposta educativa trátase de concienciar aos cativos sobre a importancia que teñen os seus comportamentos responsables na súa seguridade, para o que se lles amosan todos os elementos que poden intervir na seguridade viaria e se decaten da importancia que teñen feitos tan sinxelos como transitar polas sendas peonís ou cruzar sempre polos pasos de peóns.

Así, remarcou, se trata de que os cativos aprendan que ao circular por unha vía pública, xa sexa a pé ou en coche, débense cumprir as normas, porque tal e como engadiu, “todos temos a nosa parte de responsabilidade para tratar de evitar os accidentes”.

Esta campaña para a educación viaria conta coa colaboración da Consellería de Educación e está incluída dentro do Plan de Seguridade Viaria 2016-2020 do departamento de Infraestruturas da Xunta.

6 de novembro de 2018 | 17:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.