publicidade hoxe

O Centro de Formación Ocupacional de Lugo programa 17 actividades formativas nas que poderán participar 250 alumnos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugoLugo
A-
A+

O Centro de Formación Ocupacional de Lugo situado en Montirón, que depende da Consellería de Economía, Emprego e Industria, programa para este curso 17 actividades formativas nas que poderán participar 250 alumnos e alumnas.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou hoxe o centro para comprobar o resultado das obras de reforma que se executaron durante o verán, nas que a Xunta investiu 325.000 euros.

As obras consistiron fundamentalmente na substitución das carpintarías exteriores e na renovación da cuberta, para mellorar o illamento e o confort térmico. Deste xeito, apuntou Balseiro, “a Xunta continúa apostando pola mellora das instalacións de formación e a optimización dos recursos, con medidas eficientes que contribúen a aforrar custos enerxéticos e emisións contaminantes á atmosfera”.

O delegado subliñou que o centro de formación de Lugo “cumpre un importante papel na cidade, non só coa realización de cursos propios senón como referente para accións formativas doutras entidades ou para os procesos de recoñecemento da experiencia laboral”.

Así, as instalacións acollen as aulas de formación do programa Incide, da Dirección Xeral de Comercio; nestes momentos estase a celebrar un curso sobre a Competitividade do comercio, no que participan máis de 20 persoas.

Tamén en breve comezará a segunda edición dunha lanzadeira de emprego que pretende axudar aos participantes a atopar un posto de traballo exercendo de vínculo coas empresas, proxecto no que ten participación o Goberno galego xunto coa Fundación Santa María la Real e a Fundación Telefónica.

Igualmente, o centro é sede para o procedemento de recoñecemento da experiencia profesional no eido da atención ás persoas en situación de dependencia, tanto en institucións como a domicilio. Alí se realizan as probas para que quen teña traballado neste ámbito poida acreditar os coñecementos adquiridos e obter un título oficial.

Programación

Ao longo das vindeiras semanas o centro de Lugo irá poñendo en marcha distintas accións formativas. Ao respecto, cabe lembrar que os cursos de formación profesional ocupacional están dirixidos a persoas en situación de desemprego.

En cada curso poden participar ata 15 persoas desempregadas, que son seleccionadas a través das oficinas de emprego de entre os candidatos da provincia de Lugo. As actividades previstas este ano están relacionadas coa xardinaría, electrónica, climatización, atención sociosanitaria a persoas en situación de dependencia, soldadura, domótica ou xestión contable e administrativa, entre outras especialidades.

8 de outubro de 2018 | 16:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.