publicidade hoxe

Medio Rural valora unha proposta do concello da Arnoia para mobilizar terra agraria en desuso con destino ao cultivo de pementos e horta

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA ArnoiaLocal PortadaOurenseRibadavia
A-
A+

O conselleiro do Medio Rural, José González, reuniuse hoxe cos alcaldes da Arnoia e Ribadavia, ambos da comarca ourensá do Ribeiro. Con eles abordou diferentes asuntos relacionados coa mellora do agro, a fixación da poboación no rural ou a mobilización de terras agrarias en desuso, entre outros temas de interese. Precisamente este último aspecto –a mobilidade de terreos– centrou boa parte do encontro co rexedor da Arnoia, Rodrigo Aparicio, que presentou ao conselleiro unha iniciativa para a recuperación de terreo e a súa posta en valor mediante o cultivo de pemento e outros produtos da horta, tales como tomates ou xudías.

O obxectivo do concello, para o que pide o apoio da Consellería, é mobilizar arredor de 36 hectáreas de predios actualmente en desuso, co fin último de recuperar o antigo esplendor da horta en xeral e do cultivo de pementos da Arnoia en particular. O titular de Medio Rural comprometeuse a estudar a proposta, pensando no seu posible impulso no marco dos polígonos agrarios que promove a Xunta, consonte ao establecido polo ditame da comisión forestal e sobre prevención de incendios da Cámara galega.

Tamén en relación coa loita contra o lume, o alcalde presentou outro proxecto que persegue crear descontinuidades nun monte de utilidade pública, propiedade do Concello, para previr incendios creando un “efecto devasa” mediante a implantación de terreos de cultivo para viñedo, oliveiras ou castaña. Isto permitiría ademais proporcionar terra agraria a diferentes emprendedores do municipio, que atenderían estas plantacións. O conselleiro cualificou como moi interesante esta proposta, no mesmo contexto do establecido polo devandito ditame parlamentario, e comprometeuse a analizala desde o punto de vista legal, para ver de darlle forma. Técnicos da Consellería avaliarán a documentación entregada polo rexedor, para impulsar un proxecto que podería mobilizar unhas 150 hectáreas dentro do referido monte municipal.

Ribadavia

Por outra banda, o conselleiro reuniuse tamén co alcalde de Ribadavia, José Ignacio Gómez, co que avanzou na potenciación da Feira do Viño desta localidade, en colaboración coa Denominación de Orixe Ribeiro. O titular de Medio Rural amosou a súa plena disposición a seguir traballando co Concello e cos responsables da D.O. para impulsar esta celebración, tendo en conta a súa importancia e o labor de proxección que fai, en xeral, dos viños do Ribeiro.

O titular de Medio Rural e o rexedor abordaron tamén a cooperación en materia de mellora de camiños de titularidade municipal. Así, avaliaron os traballos incluídos dentro do Plan de Mellora da consellería para a posta en valor dos camiños de Ventilador (entre Beade e San Cristóbal), Macenda e San Andrés, cun orzamento total de 36.638 euros.

Ademais, nesta xuntanza o conselleiro atendeu outras peticións do alcalde en relación coa mellora de diferentes infraestruturas no municipio, fóra xa das competencias directas do departamento de Medio Rural. Neste sentido, José González instou ao rexedor a que dera traslado destas demandas aos departamentos correspondentes.

23 de outubro de 2018 | 16:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.