publicidade hoxe

Marta Míguez destaca a promoción do deporte na provincia de Lugo coa finalización de obras de mellora das infraestruturas deportivas de Mondoñedo e Outeiro de Rei

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaLugoMondoñedoOuteiro de Rei
A-
A+

A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, visitou na mañá de hoxe o concello lucense de Mondoñedo onde supervisou o estado final das obras realizadas pola Xunta de Galicia no campo de fútbol de Viñas da Veiga así como na piscina municipal.

A actuación levada a cabo no campo de fútbol consistiu nunha nova instalación de iluminación completa, cambiando os proxectores do cableado e o cadro de protección para mellorar a eficiencia e o rendemento das instalacións existentes. Na intervención realizada na piscina municipal, repúxose o gres solto e desprendido durante o inverno con pezas de cerámica de iguais medidas e características ás existentes, repicando a cerámica e o morteiro contaminado previamente e rexuntando de novo todo o vaso da piscina.

Estas actuacións realizáronse ao abeiro do convenio asinado o pasado 5 de xuño de 2018 e tiveron un importe total de 30.000 euros achegados integramente pola Secretaría Xeral para o Deporte.

Circuíto de Outeiro de Rei

A continuación, a responsable da carteira de Deporte dirixiuse ao Concello de Outeiro de Rei para supervisar o estado final das instalacións do circuíto do concello como centro de deportes de motor e seguridade viaria. A reforma consistiu na ampliación e mellora das instalacións existentes dotándoas de versatilidade e a posibilidade de simultaneidade de usos con distintas variantes.

A intervención tivo por obxecto acondicionar os terreos para o novo trazado, dotalo dunha rede de drenaxe e executar os firmes e pavimentos, así como os bordes correspondentes. Asemade, executaranse as instalacións de rego e fontanería así como de electricidade e alumeado e sinalización.

O importe total das actuacións realizadas ao abeiro do convenio asinado entre Xunta e Concello o pasado 30 de novembro de 2017, ascende a 223.764,25 euros dos que a Xunta de Galicia achegou o 70% -157.000 euros- e o Concello de Outeiro o restante 30% -66.764,25 euros-.

Cómpre sinalar que, segundo os Orzamentos da Comunidade Autónoma, a Secretaría Xeral para o Deporte destinará neste 2018 unha contía de 3.485.313 euros para a construción e a mellora das infraestruturas deportivas de Galicia.

3 de outubro de 2018 | 16:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.