publicidade hoxe

A Xunta reitera o seu compromiso coas persoas con discapacidade intelectual nun encontro de Fademga

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaO Carballiño
A-
A+

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, participou hoxe no acto de inauguración do 18º Encontro de Autoxestores organizado pola Federación Galega de Asociacións en favor das Persoas con Discapacidade Intelectual ou do Desenvolvemento (Fademga), que se desenvolverá durante dous días na Residencia de Tempo Libre do Carballiño.

Na súa intervención, Marisol Díaz puxo en valor o labor que realiza Fademga e as asociacións que a integran a prol da plena inclusión e de defensa dos intereses das persoas con discapacidade intelectual.

A delegada territorial garantiu o compromiso da Xunta de seguir traballando pola integración real e a igualdade de oportunidades das persoas con discapacidade, tanto a través de novas convocatorias de emprego reservadas en exclusiva para este colectivo como favorecendo nos criterios de licitación de servizos a aquelas entidades e empresas sociais nas que estas persoas supoñan unha porcentaxe importante do seu persoal.

Así mesmo, Díaz Mouteira avanzou que no Proxecto de lei de Orzamentos para o ano 2019 se incrementan nun 3% as partidas económicas para servizos, programas e axudas destinados a persoas con discapacidade, ata situarse nun montante total de 106 millóns de euros. “Continuaremos traballando man a man coas entidades, facilitándolles os recursos que precisan para que poidan prestar un mellor servizo”, indicou.

Neste encontro participan 110 autoxestores, que son persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento, que defenden os seus dereitos como colectivo e opinan sobre aspectos relevantes para o seu desenvolvemento tanto persoal como social. Así, entre outros, abordaranse temas como o uso seguro das redes sociais, a sexualidade e a afectividade, e o tratamento nos medios de comunicación das novas referidas ás persoas con discapacidade intelectual.

26 de outubro de 2018 | 13:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.