publicidade hoxe

Vimianzo licita por 364.000 euros cinco obras do Plan Único para a mellora de infraestruturas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaVimianzo
A-
A+

O Concello de Vimianzo licita na Plataforma de Contratación do Estado, ata o vindeiro luns 17 de setembro, cinco obras de mellora de infraestruturas municipais financiadas con cargo ao Plan único (POS+) da Deputación da Coruña cun orzamento total de 364.0142,39 euros.

As obras suporán a mellora do parque infantil en Berdoias, a área recreativa en Ogas, reformas no centro de interpretación dos minerais (Cerbán) e no centro de interpretación do encoro da fervenza de Orbellido, traballos de acondicionamento na praza de Baíñas, arranxo de rúas na zona urbana de Vimianzo e mellora de diversas vías municipais en núcleos rurais do municipio.

Estes investimentos representan só unha pequena parte dos máis de 2,8 millóns de euros que este novo plan impulsado polo goberno provincial que preside Valentín González Formoso inviste nos exercicios 2017 e 2018 no municipio, financiando a execución dun total de 16 obras destinadas a mellorar as infraestruturas municipais e a calidade de vida da veciñanza e contribuíndo a reducir a débeda e a soster o gasto corrente do concello.

Na praza do Outeiro (Baíñas), as obras suporán un investimento de 74.739,32 euros e consistirán na repavimentación da zona central da praza e a zona superior con formigón armado, combinando zonas con adoquín de granito e zona verdes e deixando toda a superficie á mesma cota da estrada, o que mellorará a accesibilidade.

Área recreativa en Ogas e parque infantil en Berdoias

No parque infantil de Berdoias habilitaranse dúas plataformas a diferente cota, debido á considerable pendente do terreo, conectadas por unha escaleira tendida e un tobogán. Construiranse tamén terrapléns que eviten as diferenzas bruscas de altura e instalarase un xogo infantil en cada plataforma e un terceiro que servirá como nexo de unión entre ambas as dúas.

No caso da área recreativa de Ogas, a intervención consistirá na instalación de dúas mesas con bancos de granito ao carón do río, cun sendeiro pavimentado que mellore a accesibilidade á zona, así como unha pasarela peonil sobre o río, revestida en madeira, en paralelo á ponte xa existente.

Outros dos proxectos financiados polo Concello de Vimianzo con cargo ao Plan único contemplan a substitución da cuberta actual de fibrocemento do centro de interpretación dos minerais en Cerbán por un novo teito de paneis de aceiro; así como a execución dun novo forxado de madeira e aceiro no primeiro andar do centro de interpretación da fervenza de Orbellido.

Pavimentación de rúas do centro urbano e núcleos rurais

Un dos proxectos de maior orzamento (117.895,27 euros) consistirá no arranxo e pavimentación de diversas rúas no centro urbano de Vimianzo. As obras consistirán na renovación do firme de aglomerado asfáltico das rúas Agro Trasariz, Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Evaristo Martelo, Castelao, Tras o Muíño e Vilar; así como a construción dun novo tramo de senda peonil na Braña do Cura, que continuará o itinerario peonil marcado polas beirarrúas.

Tamén a zona rural do municipio verase beneficiada polos investimentos do Plan único, xa que se levarán a cabo traballos de limpeza, reparación e pavimentación en diversas vías e camiños municipais nos núcleos de Piñeiros (Cambeda), no tramo de estrada entre Padreiro e A Furaca (Baíñas), no Outeiro (Baíñas), na estrada Carballa-Xallas (Serramo), en Reparada (Salto), Monte Torán (Bamiro) e en Carnio, Treos e Quintáns.

11 de setembro de 2018 | 17:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.