publicidade hoxe

Susana Seivane estrea no X “Lúas de Outono” o seu novo disco “Fa”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA CoruñaCalendarioGaliciaLocal Portada
A-
A+

“Lúas de Outono”, a homenaxe a Manuel María que cada ano se celebra na Coruña, chega a súa décima edición coa estrea de “Fa”, novo disco de Susana Seivane que será protagonista do espectáculo que terá lugar o vindeiro día 19 de setembro no Teatro Rosalía de Castro da Coruña. A entrada será gratuíta até completar o aforo.

A Deputación da Coruña acolleu este martes a presentación da 10ª edición de “Lúas de Outono”, a homenaxe anual a Manuel María na cidade da Coruña en que pasou os seu últimos anos e que, nesta nova edición, terá lugar o vindeiro mércores día 19 de setembro ás 20.30 horas nun acto en que se presentará o novo disco “Fa” de Susana Seivane.

Na presentación da homenaxe participaron a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, o concelleiro de Culturas, José Manuel Sande, a presidenta e o secretario da Fundación Manuel María, Saleta Goi e Alberte Ansede ademais de Susana Seivane, que trazou o contido da súa actuación e do disco que estreará no espectáculo de homenaxe a Manuel María.

A vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, mostrou no inicio da súa intervención a satisfacción porque “se fagan presentacións de actos como este dunha cultura viva” nunha semana ,segundo sinalou, “en que temos que lamentar a desaparición do Diario Cultural da Radio Galega, despois de trinta anos facéndose eco da información cultural”.

Como “unha incorporación magnífica” ao xa amplo conxunto de nomes que teñen levado á música a Manuel María cualificou Goretti Sanmartín a participación de Susana Seivane que interpretará en “Lúas e Outono” dous temas baseados na obra do escritor. Adiantou que o do 19 será un “espectáculo singular porque xunta un poeta extraordinario cunha música de referencia que presenta o seu novo traballo”.

Ao igual que Goretti Sanmartín, o concelleiro de Culturas, José Manuel Sande, agradeceu á Fundación Manuel María o seu traballo á hora de difundir o legado literario e vital do autor e felicitou a inclusión dunha “nova voz musical que pasa a formar parte do universo musical do escritor”.

Pola súa parte, Alberte Ansede, secretario da Fundación Manuel María destacou que esta décima edición de “Lúas de Outono” “agranda o repertorio do autor máis musicado despois de Rosalía de Castro coa estrea absoluta do disco “Fa” de Susana Seivane e a interpretación de dúas pezas creadas sobre poemas do autor”. “Pretendemos traer ao presente, recrear, darlle unha nova dimensión á obra de Manuel María con distintas manifestacións artísticas, desde o teatro á danza ou a música, como nesta ocasión”, explicou Alberte Ansede que agradeceu a Susana Seivane a estrea de “Fa” no acto de homenaxe. “Teremos o privilexio de gozar da estrea dun traballo moi agardado xa que levaba oito anos sen gravar ningún novo disco esta música de referencia que ten moitos puntos de conexión con Manuel María porque os dous combinan tradición e modernidade, actualizando Susana o instrumento nacional que é a gaita mais sen perder o sabor da tradición, cunha filosofía parella, con sabor galego popular e refinamento culto”, engadiu o secretario da Fundación Manuel María antes de que a súa presidenta, Saleta Goi, agradecera todo o apoio e colaboración para, un ano máis, homenaxear ao escritor que tanta pegada deixou na Coruña en que viviu os seus últimos anos.

“Fa”, por Fiz e Antón

Unha nana interpretada con gaita foi o agasallo musical que Susana Seivane interpretou na presentación da homenaxe que será tamén a do seu novo disco, un traballo acariñado durante uns anos en que a música tivo dous fillos chamados Fiz e Antón de cuxas iniciais sae o título “Fa”

Cando a Fundación me chamou para estar na homenaxe a Manuel María púxenme tola de contenta porque, como dicía Alberte Ansede, son moitas as cousas que temos en común e sempre tiven moitas ganas de musicalizalo”, explicou Susana Seivane que mostrou a admiración por un escritor que “escribía sobre moitos temas pero centrábase no amor e loitaba polos seus ideais”. Da mesma maneira o seu disco, “fala de vida e de amor, a maternidade” e de todo o que lle aconteceu nestes últimos anos en que, segundo apuntou, non deixou de traballar. En “Fa”, Susana Seivane “íspese”, segundo dixo, e comparte “inquietudes, medos, alegrías”.

11 de setembro de 2018 | 17:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.