O Plan Único inviste 200.000 euros na renovación da rede de alumeado público de Coirós
O Plan Único (POS+) da Deputación da Coruña está a permitir a renovación completa da rede de alumeado público en diversos núcleos rurais do Concello de Coirós.
Nos núcleos de Casal e Combarro, a Deputación financiou con 95.749 euros as obras- xa rematadas- de substitución das antigas lámpadas de vapor de sodio por un novo sistema de alumeado, composto por luminarias LED de 60w de potencia, que permiten aforros superiores ao 80% na factura eléctrica e incrementan notablemente a calidade lumínica, permitindo unha mellor visibilidade nocturna a conductores e peóns.
Trátase dun aforro importante, tendo en conta que para moitos concellos rurais a factura eléctrica supón en moitas ocasións un dos gastos máis importantes que deben enfrontar as arcas municipais.
Este ano, o Concello de Coirós volveu optar por destinar boa parte dos recursos económicos asignados a través do POS+2018 (95.000 euros) para financiar a instalación de novas luminarias e renovación da rede de alumeado público en Recebés, Loureiros e Anta.
Os traballos terán as mesmas características que os do ano pasado, substituíndo as lámpadas de vapor de sodio por luminarias LED, e incluirán tamén a sustitución do cableado obsoleto ou danado e a revisión completa das instalacións e cadros eléctricos para garantir as súa seguridade.
En só dous anos, o Plan Único da Deputación da Coruña destina máis de 875.000 euros a mellorar as infraestruturas e sufragar parte do gasto corrente municipal do Concello de Coirós.