Máis de 1.200 persoas participaron nas actividades fluviais gratuítas da Deputación de Lugo
O Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón avanzou que máis de 1.200 persoas participaron ao longo do verán nas actividades lúdicas, deportivas-fluviais, gratuítas, e abertas para todos os públicos, que o Goberno Provincial levou entre os meses de xullo a setembro a Concellos de menos de 5.000 habitantes. Foron concretamente nos espazos naturais dos Concellos de Ribeira de Piquín, A Fonsagrada, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, Ribas de Sil, Láncara, Trabada e A Pontenova.
Rivera Capón remarcou que “esta iniciativa é unha alternativa ao turismo de praia, e ao mesmo tempo contribúe a descubrir as posibilidades de lecer dos nosos ríos. As oito xornadas que se celebraron, noutros tantos concellos, incluíron tobogáns, balancíns, pulpos, rocódromos acuáticos, pistas de obstáculos, kaiaks, waterballs… animacións musicais e xogos populares. Todo baixo a supervisión dun coordinador, que conta con entre 6 e 12 monitores para a seguridade”.
Con esta iniciativa o Goberno da Deputación contribúe a poñer en valor os recursos naturais e paisaxísticos da Provincia, xa que as actividades desenvólvense en enclaves únicos, como o Chao do Pousadoiro, a Praia Fluvial Pena do Inferno, a de San Clodio, a Pobra de Navia, a da Pobra de San Xiao, a Ria de Abres ou a Pozo da Ola.
Máis de 1.200 participantes
As actividades gratuítas da Deputación tiveron unha participación de máis de 1.200 persoas. Foron as seguintes; Ribeira de Piquín, 121 persoas; A Fonsagrada, 98 persoas; Navia de Suarna, 198 persoas; Negueira de Muñiz, 77 persoas; Ribas de Sil, 202 persoas; Láncara, 153 persoas; Trabada, 149 persoas e a Pontenova con 207 persoas.