publicidade hoxe

Infraestruturas inviste 60.000 euros no acondicionamento da rúa Capela na parroquia de Freixido, en Larouco

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLaroucoLocal PortadaOurense
A-
A+
Marisol Díaz na visita a Larouco

Marisol Díaz na visita a Larouco

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, executou no concello ourensán de Larouco obras de acondicionamento da rúa da Capela na parroquia de Freixido. Esta actuación realizouse ao abeiro do convenio de colaboración que a titular deste departamento autonómico, Ethel Vázquez, asinou co alcalde de Larouco, Joaquín Bautista, a primeiros de ano. Para esta intervención, o Goberno galego achegou 60.000 euros.

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, acompañada do rexedor e da xefa territorial de Infraestruturas e Vivenda, Alicia López Míguez, supervisou os traballos de reforma desta vía que se atopaba moi deteriorada e con abundantes fochancas. Para a súa mellora, fíxose necesaria a demolición e reposición do pavimento de formigón e a reparación das deficiencias detectadas no sistema de pluviais e de abastecemento, que evitará que se formen bolsas de auga.

As actuacións realizadas supuxeron o levantamento do firme de formigón e a pavimentación coa colocación da zahorra artificial. No caso do sistema de pluviais, colocouse un canal de formigón para desaugue e reixa de fundición con marco angular galvanizado, ademais de lineais de tubaría de polietileno.

Díaz Mouteira explicou que coa rehabilitación deste espazo público, mellórase a accesibilidade e seguridade da dita rúa e renováronse os servizos de abastecemento e pluviais deteriorados, incidindo na seguridade viaria de peóns e condutores.

A Axencia Galega de Infraestruturas ten entre os seus obxectivos a mellora da rede viaria de Galicia, a ordenación do territorio e a súa cohesión, de xeito que se proporcione ás persoas usuarias unha rede eficaz, cómoda e segura, fomentando as relacións municipais e intermunicipais na procura e no fomento dun desenvolvemento harmónico.

A máxima representante do Goberno galego en Ourense indicou que con este convenio, a Xunta, en colaboración co Concello da Larouco, trata de fomentar aqueles investimentos que resolvan problemas nas infraestruturas, coa finalidade dun desenvolvemento económico e social que achegue unha maior calidade de vida á cidadanía.

Xunto co de Larouco, o departamento autonómico de Infraestruturas asinou outros 7 convenios semellantes con outros tantos concellos da provincia ourensá que supoñen un investimento total de máis de 1,3 millóns de euros.

11 de setembro de 2018 | 16:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.