publicidade hoxe

Conclúen as obras de mellora da accesibilidade na contorna do CEIP Quintela na PO-313 ao seu paso por Moaña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMoaña
A-
A+

O delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, desprazouse hoxe ata Moaña para supervisar a finalización dos traballos de mellora da accesibilidade na contorna do CEIP Quintela na PO-313, a estrada que une Marín con Moaña, ao seu paso por este último termo municipal. A Consellería de Infraestruturas, a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), destinou a esta actuación preto de 48.000 euros.

Así o informou o delegado territorial, quen xunto a técnicos do departamento autonómico, puido comprobar a conclusión desta intervención, que respondeu a unha solicitude da dirección do centro escolar e do Concello moañés, dixo.

Segundo detallou o representante autonómico, as obras supuxeron a execución de rebaixes nas beirarrúas, nos accesos e nas interseccións cos camiños públicos, así como nos pasos de peóns co obxectivo de mellorar a súa accesibilidade. Asemade, reparáronse as devanditas beirarrúas, substituíndo as baldosas deterioradas, e repintáronse os pasos de peóns do tramo.

En canto a sinalización vertical, reforzouse o semáforo existente con outros dous de precaución asociados o principal no paso de peóns próximo ao centro educativo.

O Goberno galego segue a traballar no obxectivo prioritario de conservar a rede viaria autonómica en óptimas condicións coa fin de incrementar a seguridade viaria e proporcionar aos usuarios unhas vías cómodas que melloren a súa calidade de vida, potenciando o desenvolvemento económico e social dos municipios galegos.

A Consellería de Infraestruturas está a realizar importantes esforzos en materia de conservación de estradas, con actuacións que non só se limitan ás tarefas ordinarias de conservación, senón que ademais se complementan con obras de conservación extraordinarias.

13 de setembro de 2018 | 19:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.