publicidade hoxe

A Xunta garante a protección dos menores reforzando o Programa de Acollemento por familia extensa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA Coruña
A-
A+

O delegado territorial da Xunta de Galicia, visitou esta mañá, as instalacións de Aldeas Infantiles SOS, unha organización benéfica de axuda á infancia que conta cun convenio con Consellería de Política Social de apoio ao Acollemento en Familia Extensa.Este programa conta cun investimento por parte da Xunta de Galicia de 192.000 euros e por parte de Aldeas Infantiles SOS de 147.000 euros.

Dende o inicio desta colaboración no ano 2013 o orzamento incrementouse máis de 540%, pasando dos 30.000 iniciais aos 192.000 actuais.

Ovidio Rodeiro agradeceu o traballo que realiza esta entidade en colaboración coa Xunta de Galicia, e sinalou que “se trata dun recurso de apoio ao acollemento familiar de menores por membros da súa propia familia”.

Segundo explicou o representante do goberno autonómico a través deste programa o número de menores atendidos na provincia da Coruña, no primeiro semestre do ano, foi de 52 rapaces e rapazas e en toda Galicia de 108. O número de familias atendidas na provincia de A Coruña, nos primeiros seis meses do ano, foi de 57 e en toda Galicia foi de 115.

Ovidio Rodeiro apuntou que este programa permite que os familiares se fagan cargo, temporalmente, dos nenos e nenas cando se ve impedida a convivencia cos seus pais por diferentes causas.No noso país a práctica deste tipo de acollementos é maioritaria, aproximadamente, na actualidade o 85% dos acollementos que se dan realízanse en familia extensa.

Os datos obtidos nestes anos de traballo reflicten por un lado unha realidade tanxible de problemas nos acollementos con familia extensa, e por outra parte avalan a utilidade que reporta o programa en canto á diminución do estrés familiar e a súa clara repercusión no benestar do nenos e nenas acollidos.

O delegado territorial explicou que “o acollemento en familia extensa como recurso de protección á infancia supón unha realidade complexa polo armazón nas relacións dos intervenientes: acolledores, proxenitores, menores acollidos, profesionais dos diferentes servizos e as múltiples áreas que tanto na vida do neno como na dos seus acolledores ven afectadas”,

Neste senso, apuntou que “a formación, seguimento e intervención que se proporciona á familia extensa é menos exhaustiva que en familia allea. Con todo, estas familias necesitan tantos apoios, recursos e intervencións como calquera outra familia acolledora, debido a que a súa función básica é a de proporcionar seguridade, afianzar o benestar, cubrir as necesidades que poidan xurdir e manexar os contactos e a vinculación cos proxenitores”.

Aldeas Infantiles SOS é unha organización internacional, privada, de axuda á infancia, sen ánimo de lucro, interconfesional, fundada en 1949 en Imst (Austria) e con presenza en 135 países.

Aldeas Infantiles SOS é membro da UNESCO e asesor do Consello Económico e Social da ONU. O seu obxectivo é protexer aos nenos que se viron privados do coidado parental, e brindarlles unha contorna familiar protectora no que poidan crecer sentíndose queridos e respectados.

18 de setembro de 2018 | 16:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.