publicidade hoxe

A Xunta financiará 20 obradoiros de emprego en 50 concellos da provincia de Lugo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

A Consellería de Economía, Emprego e Industria financiará a posta en marcha de 20 obradoiros de emprego en 50 concellos da provincia de Lugo. Deste xeito, a Xunta atende o cen por cen das solicitudes formuladas polos concellos lucenses.

Así o explicou esta mañá o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro quen indicou que, para o desenvolvemento destas iniciativas destinaranse máis de 5,5 millóns de euros, un investimento que supera nun 37% a achega económica realizada na convocatoria do ano anterior.

472 novas contratacións

A posta en marcha dos obradoiros de emprego permitirá a contratación de 472 persoas, incluíndo os 392 alumnos-traballadores e, a maiores, o persoal de dirección, monitores e persoal administrativo.

A actuación da Consellería de Economía, Emprego e Industria combina, a formación co desenvolvemento dun traballo efectivo, xa que as persoas beneficiarias disporán dun contrato de traballo e percibirán un salario durante a súa participación nesta actividade.

No caso concreto da nosa provincia, dous destes obradoiros (Lugo e Ribadeo) forman parte do programa de Emprego Xuvenil. Terán unha duración de seis meses e están especialmente destinados a menores de 30 anos. Por outra banda os 18 obradoiros restantes, ofertaranse na modalidade dual.

Precisamente estes últimos constitúen a principal novidade da presente convocatoria porque os participantes poderán combinar un contrato de formación e aprendizaxe durante nove meses, cun contrato adicional de polo menos tres meses máis, nunha empresa emprazada no mesmo ámbito territorial do obradoiro e cunha actividade vinculada ás materias do obradoiro

Balseiro tamén avanzou que 14 dos municipios beneficiarios son concellos emprendedores, un deles, o promovido por Castroverde desenvolverase nas especialidades de conservación e mellora de montes e outro, o dual de Ribadeo, está vinculado ao Camiño de Santiago, isto é, á conservación, reforma e posta en valor das rutas de peregrinación, tres aspectos primados pola actual convocatoria.

Balance dos programas de fomento da empregabilidade

Balseiro aproveitou a ocasión tamén para facer balance dos distintos programas de apoio á empregabilidade promovidos pola Consellería de Economía, Emprego e Industria a través dos concellos e, nese senso, explicou que, no que levamos de ano, o Goberno galego financiou a contratación de preto de 1000 persoas na provincia de Lugo.

En concreto, de 154 perceptores da Risga, 120 persoas máis a través do programa Aprol Rural, 110 contratacións máis a través do programa de cooperación (socorristas) e 35 contratacións máis como orientadores, ao
s que agora se suman os 472 contratos que se efectuarán ao abeiro dos distintos obradoiros de emprego.

Na súa inmensa maioría estes programas conseguen un triplo obxectivo: facilitar a empregabilidade dos beneficarios, a prestación de servizos de interese xeral e social; e o impulso da colaboración institucional entre a Xunta e as entidades locais.

5 de setembro de 2018 | 16:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.