publicidade hoxe

A Xunta destinará 32.000 euros á mellora de camiños municipais no concello de Cenlle

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCenlleLocal PortadaOurense
A-
A+

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, visitou o concello de Cenlle e analizou xunto co alcalde deste municipio ourensán, Gabriel Alén, os proxectos que se van executar neste municipio ourensán ao abeiro do Plan Marco de mellora de camiños municipais da Consellería do Medio Rural.

Cenlle beneficiarase este ano dunha achega de 32.000 euros dentro do Plan Marco de mellora de vías que impulsa o departamento que dirixe Ángeles Vázquez, dentro do obxectivo xeral do Goberno galego de fixar poboación no rural e mellorar a calidade de vida dos seus habitantes, a través de diferentes iniciativas que buscan entre outros fins o da cohesión territorial. A actuación consistirá na limpeza de beirarrúas e a pavimentación dos accesos aos núcleos rurais da Torre e A Pena.

O orzamento do Plan Marco da convocatoria deste ano foi de 15,9 millóns de euros para toda Galicia, distribuídos en dúas anualidades de 7,99 millóns cada unha. No caso da provincia de Ourense, os municipios repartíronse máis de 3,4 millóns de euros.

Grazas a este programa, facilitarase a accesibilidade a predios e explotacións agroforestais, así como aos núcleos de poboación. Díaz Mouteira explicou que o reparto destes fondos fíxose de acordo coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), tendo en conta criterios obxectivos, como a poboación, superficie ou a ruralidade.

Díaz Mouteira aproveitou a súa visita a Cenlle para comprobar os traballos de mellora executados no camiño de Viladerrei ata o límite municipal de Cenlle con San Amaro e nos accesos ao núcleo de Cima de Vila, a cargo do programa do pasado ano cun investimento de máis de 30.000 euros.

10 de setembro de 2018 | 16:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.