publicidade hoxe

A Xunta comunica a aprobación das bases da reestruturación parcelaria de Fisteus, no Concello de Curtis

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCurtisLocal Portada
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio polo que se comunica a aprobación das bases da reestruturación parcelaria da zona de Fisteus, en Curtis. Deste xeito, ponse en coñecemento dos interesados este paso que implica que xa están rematados os trámites relativos á identificación dos propietarios, á determinación exacta da superficie e á clasificación das terras.

Este proceso de reorganización territorial, o primeiro que se executa en Curtis, é o máis grande que se levou a cabo en Galicia con 3.938 hectáreas e unhas 10.000 parcelas. Del beneficiaranse máis de mil veciños.

Ademais, xa teñen comezado os traballos previos para a execución da rede de camiños, contratados por case 2,3 millóns de euros. Falamos de máis de 55 quilómetros dos que 2,3 estarán asfaltados e 52,9 serán de saburra. Ademais, súmanse a esta estrutura os quilómetros de aproveitamento de rede viaria existente: 18,6 km de estradas nacionais e provinciais e 59 km de estradas municipais. O prazo de execución dos traballos é de 18 meses.

Xa está contratada tamén a elaboración do acordo e a colocación dos marcos, por 412.600 euros, para definir os novos predios. Este orzamento súmase aos 901.779 euros destinados ás asistencias técnicas e aos 2,3 millóns das obras de camiños. En total, vanse a realizar neste proceso de reorganización territorial investimentos por máis de 3,6 millóns de euros.

12 de setembro de 2018 | 11:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.