publicidade hoxe

A Deputación de Lugo pon en valor a Vía Romana XIX colaborando cunha ruta BTT que terá lugar o sábado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaLocal PortadaLugoLugo
A-
A+

O Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, presentou este xoves a Ruta BTT Vía Romana XIX, que terá lugar o vindeiro sábado 15 de setembro, organizada pola Asociación Bike Stop Lugo, co apoio do Goberno da Deputación. Na presentación tamén participaron os coordinadores do evento, Alberto Pereira Rego e Fernanda Follana Meira, así como Rúben Álvarez Asorey, arqueólogo e coautor do libro Vía Romana XIX, editado polo Executivo Provincial.

Rivera Capón subliñou que “para o Goberno da Deputación é un privilexio colaborar con este tipo de iniciativas, pois serven para dar a coñecer e poñer en valor o noso patrimonio histórico e natural. Con esta ruta BTT promovemos un itinerario bimilenario que durante a época romana comunicaba as cidades fundadas polo Emperador Augusto en Gallaecia: Bracara Augusta (Braga) e Lucus Augusti (Lugo), prolongándose ata Astúrica Augusta (Astorga). Xa nos nosos días, atravesa 6 concellos da provincia: Cervantes, Becerreá, Baralla, Castroverde, O Corgo e Lugo”.

O Deputado de Deportes engadiu que “dende o Executivo levamos a cabo a limpeza e desbroce de varios tramos da ruta, concretamente na entrada de Lugo, no núcleo de Campelo (no Corgo), e no núcleo de Ouselle (en Becerreá), para mellorar o percorrido e a experiencia dos participantes”.

A cita dará comezo o sábado, con saída ás 9:00 horas dende O Comeal, no Concello de Cervantes, e finalizará en torno ás 19:00 horas coa chegada á capital luguesa. En total participarán 30 persoas, que percorrerán os 99 quilómetros deste itinerario romano.

Vía Romana XIX

A Vía XIX era unha calzada romana da época de Augusto, descrita no Itinerario de Antonino, que unía as cidades de Bracara Augusta (Braga), Ponche de Lima, Tude (Tui), Turoqua (Pontevedra), Aquis Celenis (Caldas de Rei), Iria, Martiae, Lucus Augusti (Lugo) e Asturica Augusta (Astorga).

A Deputación de Lugo editou no marco do proxecto europeo Vías Atlánticas o libro Vía Romana XIX. Unha Viaxe dende Lugo aos Ancares, seguindo as pegadas de Roma, dos autores Antonio Rodríguez Colmenero e Rubén D. Álvarez Asorey. Este libro afonda nesta ruta turístico-cultural transfronteiriza que, ademais, atravesa zonas cun importante patrimonio histórico e arqueolóxico.

13 de setembro de 2018 | 18:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.