publicidade hoxe

Sométese a información pública o proxecto de mellora de seguridade viaria na contorna dun tramo de concentración de accidentes na estrada PO-331, en Gondomar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGondomarLocal PortadaPontevedra
A-
A+

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o anuncio polo que se somete a información pública o proxecto de mellora da seguridade viaria na contorna dun tramo de concentración de accidentes na estrada PO-331, entre os puntos quilométricos 11+200 e 14+600, no Concello de Gondomar.

O proxecto que hoxe se publica no DOG incorpora achegas presentadas durante o procedemento de información pública ao que se someteu no pasado mes de xaneiro. Este documento actualizado exponse durante un período de trinta días hábiles, contados a partir de mañá, para que as persoas que o consideren oportuno poidan formular observacións á concepción global do trazado deseñado. No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información: https://goo.gl/QRjHuR

O obxecto do proxecto é a formulación de actuacións puntuais coas que evitar ou reducir a accidentalidade nun treito da PO-331, identificado como tramo de concentración de accidentes, situado no Concello de Gondomar. As obras desenvolveranse entre a saída da primeira glorieta do polígono da Pasaxe e a rotonda de intersección coa PO-341, en Vincios.

O proxecto, ademais da execución dunha glorieta no Pq. 12+250, mellorando o acceso principal do polígono, introduce agora a construción doutra rotonda no Pq. 13+940, na Veiga.

Tamén se incorpora no documento a sinalización dun carril central de espera para facilitar o acceso desde a PO-331 cara varias estradas, facilitando os xiros á esquerda. Trátase dos accesos a Chandebrito; a Piñeiro, no Pq. 13+650; e ao centro escolar, no Pq. 13+890.

Ademais mellorarase o acceso desde a vía que conecta no Pq. 12+800 co obxectivo de facilitar a circulación dos vehículos pesados desde esta estrada cara o polígono da Pasaxe.

Cómpre lembrar que este proxecto está enmarcado na estratexia deseñada pola Xunta para ter eliminados en 2020 todos os tramos de concentración de accidentes nas estradas autonómicas mediante a execución de 40 actuacións en 90 km, cun investimento de 12,3 millóns de euros.

6 de agosto de 2018 | 14:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.