publicidade hoxe

Marnotes destaca en Lalín a importancia da formación para impulsar o emprego de calidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalínLocal Portada
A-
A+

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, salientou hoxe na clausura do obradoiro Rivero Social Lalín II a importancia da formación para impulsar o emprego de calidade, favorecendo a inserción laboral das persoas desempregadas ao tempo que se dá resposta ás demandas e necesidades dos sectores produtivos.

No obradoiro que hoxe se clausurou en Lalín participaron un total de 20 persoas, 11 delas mulleres, que recibiron cualificación e obtiveron un posto de traballo durante 9 meses en albanelería e carpintería, concretamente nas especialidades de operacións auxiliares en revestimentos continuos na construción e instalación de elementos de carpintería.

A iniciativa, desenvolta en colaboración co Concello de Lalín, contou cunha axuda da Xunta de preto de 280.000 euros. A través deste obradoiro de emprego, realizouse a rehabilitación interior de vivendas situadas no edificio da rúa Manuel Rivero, número 5, para uso social, coa fin de acoller a persoas e familias en situación de risco ou exclusión social.

En total, en Galicia puxéronse en marcha a través da convocatoria 2017/2018 ata 83 obradoiros de emprego (59 xerais e 24 específicos para a mocidade) aos que a Administración autonómica destinou 20 millóns de euros para beneficiar a 1600 galegos e galegas sen emprego.

A partir do mes de setembro, iniciarase unha nova edición deste programa, no marco da convocatoria 2018/2019 na que se activarán os novos obradoiros duais de emprego, cos que a Xunta prevé incrementar as oportunidades laborais de 2000 persoas desempregadas, cunha achega de preto de 30 millóns de euros.

O obxectivo é poñer en marcha 100 programas, que combinarán un contrato de formación e aprendizaxe durante 9 meses e, como principal novidade, a contratación en prácticas de, como mínimo, tres meses máis nunha empresa emprazada no ámbito territorial onde teña lugar o obradoiro, e sempre que o traballo estea vinculado coas materias que se impartan no programa.

A actuación da Consellería de Economía, Emprego e Industria combina a formación co desenvolvemento dun traballo efectivo, xa que as persoas beneficiarias disporán dun contrato de traballo e percibirán un salario durante a súa participación nesta actividade. A través da participación neste programa, os alumnos e alumnas recibirán, ao remate da formación, un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado.

Nos obradoiros duais de emprego terán preferencia os vinculados ao eido forestal e ao Camiño de Santiago, así como os Concellos Emprendedores. Darase, ademais, prioridade aos desempregados con especiais dificultades de inserción no mercado de traballo.

Os obradoiros duais de emprego compleméntanse cos obradoiros específicos para mozos inscritos no Sistema de Garantía Xuvenil, os Programas Integrados de Emprego e os distintos programas de formación para desempregados.

21 de agosto de 2018 | 14:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.