publicidade hoxe

Francisco Conde pon en valor en Celanova a iniciativa dos participantes no obradoiro de emprego e salienta as novas oportunidades que se lles abren

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCelanovaLocal Portada
A-
A+

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe en Celanova, durante a clausura do obradoiro de emprego Novicrea4.0, a iniciativa e motivación dos participantes aos que se lles abren novas oportunidades de empregabilidade no eido das novas tecnoloxías.

Conde subliñou o esforzo que a Xunta está a realizar para adaptar a formación que ofrece aos novos perfís profesionais e ás necesidades das empresas e incidiu na súa importancia tanto para os profesionais en activo como para as persoas desempregadas porque as necesidades van cambiando e, polo tanto, tamén os perfís laborais. Como resposta, a Xunta conta con medidas e programas como estes obradoiros, pero tamén con plans específicos de formación como o da automoción, recentemente aprobado. Ou as Unidades Formativas en Empresas nas que estas especifican a formación que precisan impartir e o Goberno galego financia o 100%.

O obradoiro, no que participaron un total de 20 alumnos e alumnas en situación de desemprego dos concellos de Celanova, Bande e Verea, centrouse nas novas tecnoloxías da información. Durante nove meses os participantes puideron formarse en eidos como o deseño web, a administración de bases de datos e big data, a xestión de márketing e comunicación ou o desenvolvemento de produtos multimedia interactivos. Durante os primeiros seis meses recibiron a formación específica dun destes módulos e os tres restantes adquiriron coñecementos en materia de inserción laboral, tanto por conta allea como propia. Así, os alumnos desenvolveron, entre outros, proxectos centrados na promoción turística dos concellos implicados con apps, campañas de promoción e vídeos turísticos.

O conselleiro destacou que este obradoiro permite aos alumnos sumar un novo activo ao seu currículum á hora de atopar un posto de traballo e sinalou que desde 2009 a Xunta leva investido case 286.000 euros na convocatoria de 662 obradoiros en concellos de toda Galicia.

Informou de que axiña se sumará unha nova modalidade, os obradoiros duais, que combinarán un contrato de formación e aprendizaxe de nove meses en empresas cun posterior contrato en prácticas na mesma. O obxectivo é que a oferta formativa estea orientada aos novos perfís profesionais e poñer en valor o medio rural con novas oportunidades laborais. Así, nesta nova iniciativa terán prioridade as ofertas referidas ao forestal e ao Camiño de Santiago.

Finalmente, Conde destacou a importancia que está a ter a implicación dos Concellos emprendedores tanto na convocatoria destes obradoiros como na creación de emprego a través da formación e lembrou que teñen prioridade na concesión de axudas como as destinadas aos obradoiros. Neste sentido, felicitou aos tres concellos por apostar por esta iniciativa que pretende vincular as novas tecnoloxías e tendencias do mercado laboral ao rural para abrir novas oportunidades de empregabilidade.

6 de agosto de 2018 | 14:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.