Boborás viaxa 200 anos no tempo para rememorar a festa “1809 A Batalla”
O municipio de Boborás retrocederá esta fin de semana douscentos anos atrás, en concreto ao día 2 de marzo de 1809, para rememorar un capítulo da súa historia coa celebración da segunda edición da festa “1809 A Batalla”, un evento cultural no que se recreará a batalla librada entre os trescentos galegos liderados polo Capitán Cachamuíña e os mil soldados do exército de Napoleón aos pés da Ponte da Cruz. A presentación desta iniciativa cultural tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; e a tenente de alcalde e a concelleira de Cultura e Turismo de Boborás, Rosa González e Patricia Torres, respectivamente.
A Deputación de Ourense colabora con esta festa que traerá ao presente “as tradicións e as vivencias daquela época, para conmemorar aquela batalla que tivo lugar dentro da Guerra da Independencia”, sinalou Rosendo Fernández quen lembrou que con esta celebración, o municipio de Boborás enxalza “as heroicas accións do Capitán Cachamuíña e a defensa que fixo pola súa terra, a través dunha proposta cultural que aglutina teatro, música, obradoiros e un completo elenco de actividades para o goce de tódolos asistentes”.
Durante os días 18 e 19 de agosto, Boborás rememora a historia da vila e da súa bisbarra, representando a batalla que alí tivo lugar contra os franceses a comezos do século XIX cando os locais, da man do Capitán Cachamuíña, lograron derrotar ás tropas francesas. Neste senso, a tenente de alcalde de Boborás agradeceu “a todos aqueles que colaboran con nós para que esta batalla sexa moi coñecida”.
Os fitos históricos serán representados por preto de cen voluntarios da mesma aldea, doutras parroquias do municipio e mesmo doutros concellos da provincia, que se unen á celebración e vístense de combatentes dos dous bandos durante eses dous días. A concelleira de Cultura e Turismo agradeceu o traballo que desempeñan os voluntarios que agora “somos unha gran familia e levamos moitos meses a traballar na elaboración da vestimenta, das armas, decorando a aldea para recrear aquela época e que levan tempo a ensaiar de xeito voluntario para que sexa todo un éxito e sitúe a Boborás no lugar que lle corresponde”.
En canto á asistencia, a concelleira de Boborás sinalou que na pasada edición “estimouse unha afluencia de 5.000 persoas durante os dous días de festa, cifra que este ano esperamos superar tendo en conta o interese que suscita esta celebración na xente”.
A programación da festa comezará o sábado, 18 de agosto, ás 11.00 horas, coa apertura do mercado e durante as dúas xornadas festivas haberá espazo para as actuacións teatrais das diferentes escenas da historia, unha cata de viños, unha ludoteca para os cativos, música en directo pola rúa, concertos nocturnos, obradoiros de cestería, talla de madeira e danza tradicional, monólogo, mercado, obradoiros de esgrima e de danzas do mundo, roteiro interpretativo pola vila de Pazos de Arenteiro, e rematará o domingo, 19 de agosto, ás 21.00 horas, coa celebración da Batalla na Ponte.