publicidade hoxe

Xunta e Acadar colaboran na atención a mulleres con discapacidade de zonas rurais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBegonteLocal Portada
A-
A+

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, participaron hoxe en Begonte na inauguración do programa Mérgullate, impulsado pola Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (ACADAR) para prestar unha atención especializada a este colectivo en zonas rurais. A Xunta financia esta iniciativa con 35.000 euros.

O programa está dirixido a mulleres con discapacidade e que residen en concellos rurais ou zonas pouco poboadas, aínda que non se exclúen calquera outras situacións de vulnerabilidade.

O seu obxectivo é prestar unha atención personalizada e multidisciplinar, a través de actuacións como servizos de orientación e información obre recursos, atención psicolóxica, asesoramento xurídico, mediación intercultural ou familiar, mellora da adquisición de habilidades sociais básicas, e apoio e orientación laboral. Está previsto que se poidan beneficiar desta iniciativa un total de 45 mulleres, coas que se prevé realizar un mínimo de 180 actuacións.

Esta actividade inscríbese no compromiso prioritario do Goberno galego coa loita pola igualdade e a atención ás mulleres, nomeadamente aquelas que se atopan en situación de especial vulnerabilidade. Así, a Administración autonómica ten recollido os seus obxectivos específicos nesta materia tanto nos informes Muller Rural e Muller con Discapacidade do Consello Galego das Mulleres, así como no VII Plan estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes 2017-2020.

18 de xullo de 2018 | 14:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.