publicidade hoxe

Xosé Lois García presenta en Monterroso os seus tres últimos libros, dúas obra teatrais e un poemario

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugoMonterrosoPortada dereita
A-
A+

presentacion xose lois monterrosoA Sede do Instituto de Estudos Ulloáns (Praza Fernando Salgado, nº2 MONTERROSO –edificio antigo Centro de Saúde-)acolle o sábado 7 de xullo, ás 19.00 h, a presentación dos últimos libros de Xosé Lois García, as obras teatrais “O proceso a Lucía Fidalgo” e “Auto do demo e da viñateira” e o poemario “No soño dos ollos”.

No acto, que estará aberto ao público ata completar aforo, o autor estará acompañado do director do Instituto de Estudos Ulloáns, Francisco Pardo, o escritor e investigador Héitor Picallo e o alcalde do Concello de Monterroso, Miguel Rico.

No soño dos ollos 

Esta obra, editada por Edicións Fervenza, componse duns corenta poemas, ilustrados –todos eles- por delicadas e sinxelas obras a cargo da ilustradora vilalbesa María Guerrero. 

No soño dos ollos, érguese como un poemario desvergoñadamente onírico, que gusta de reter entre as mans a esencia da nai terra, concibida coma unha trindade cósmica, ou coma tres vértices precisos e preciosos nos que o autor espreita, experimenta e compón. Velaí que nese triángulo fiquen o tempo, a substancia identitaria e totémica da Matria e o panteísmo absoluto (todo é sagrado no que nos arrodea). Alén dos temas e motivos que moven e conmoven –tanto ao autor como a quen le– este libro de poemas carrexa unha esencia metafísica que profunda no porque das cousas, e sucumbe nunha “cosmovisión non monoteísta” do orbe. 

Obras teatrais 

Neste mesmo acto, presentaranse as dúas últimas obras teatrais de Xosé Lois García, trátase de “O proceso a Lucía Fidalgo” e “Auto do demo e da viñateira”. 

“O proceso a Lucía Fidalgo” recrea nun ambiente semimáxico os momentos tráxicos da vida de Lucía Fidalgo, dende a súa violación con trece anos á morte da súa nai e os procesos aos que a someteron por “bruxería”. Localizada no seu contexto histórico –o século XVII– e, ao tempo, nun ambiente mítico, nunha paisaxe real pero cargada de simbolismo e fantasía, reivindícase a singularidade cultural galega, eses mundos máxicos construídos polo pobo galego dos séculos escuros para transcender a realidade material de desigualdade e pobreza de gran parte da poboación, sen esquecer que no século XVIII a dispoñibilidade de producións agrarias vaia deixando atrás os meirandes pesares. 

A peza de Xosé Lois García combina a documentación histórica rigorosa nunha localización real cun ambiente imaxinario no que conviven tradicións populares e imaxinacións do autor. Todo isto constitúe unha peza tráxica contada con certo humor e cunha dramaturxia viva, rica e imaxinativa. 

Por outra banda está “Auto do demo e da viñateira”, un breve caderno teatral que se ambienta nun enclave único, o mosteiro románico de Pesqueiras, en Chantada, para dramatizar o encontro entre unha viñateira e o demo e como a primeira desconfía da veracidade das historias que “o demo” lle conta pois, se a súa propia natureza é ser o demo –quen di ser-, como é posible que poida entrar no mosteiro? 

O autor 

Xosé Lois García, naceu en Lugo o 22 de abril de 1945. Criouse na parroquia de Merlán (Chantada). Aos vinte anos pasou a vivir a Barcelona, traballando como operario metalúrxico. Estudou varios cursos de socioloxía no Instituto de Ciencias Sociais e Políticas de Barcelona que, mais tarde, abandona para ingresar na Universidade de Barcelona, onde se licenciou en Filosofía e Letras (Historia Contemporánea). 

Profesor, fundador e director do Arquivo Histórico Municipal de Sant Andreu de la Barca (Barcelona) e responsábel do Patrimonio Histórico. Desenvolveu diversos labores na divulgación da cultura galega en Cataluña. Conferenciante, articulista en varias publicacións na Galiza, España e o estranxeiro. Columnista semanal do xornal, Galicia Hoxe, A Nosa Terra, Sermos Galiza, entre outros. 

Autor de diversas publicacións de historia, ensaio, teatro, literatura infantil e sobre simboloxía románica da Ribeira Sacra. Como poeta ten publicado mais de trinta libros. Recoñecido como un dos mais importantes especialistas da literatura de expresión portuguesa en África e destacado divulgador da lusofonía, antólogo e tradutor.

5 de xullo de 2018 | 14:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.