publicidade hoxe

‘Comercio con talento’ premia os establecementos ferroláns Sevvenmusas e El armario de Carol

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal Portada
A-
A+

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, entregou hoxe aos establecementos ferroláns Sevvenmusas e El armario de Carol dous dos premios do certame Comercio con talento, unha iniciativa coa que a Xunta pretende impulsar a innovación e o emprendemento no sector comercial entre o alumnado de formación profesional.

Con esta acción, na que participou alumnado de ciclos formativos relacionados co comercio de toda Galicia, búscase impulsar a participación e o contacto dos estudantes coa realidade do sector, complementando a súa formación; potenciar a innovación, o emprendemento e a incorporación do talento á actividade comercial de proximidade, así como ás pemes deste sector; e incrementar o coñecemento das novas tendencias do comercio, especialmente das novas tecnoloxías.

Para participar no concurso, o alumnado estudou o comercio da súa comarca para, finalmente, seleccionar un negocio de acordo a criterios como o espazo físico, a xestión, o produto ou a atención ao cliente. Posteriormente, os participantes elaboraron un proxecto sobre o comercio elixido. Un xurado especializado escolleu os nove comercios con máis talento de entre os propostos e fixo unha preselección de cinco para ser escollidos no Facebook do Portal do Comerciante, polo que un dos 10 premios decídese polo número de “me gusta” recibidos. Os autores dos 10 proxectos gañadores reciben como premio un iPad wifi 32GB.

No caso de Sevvenmusas, foi premiado a proposta de María Eugenia Nieto, do ciclo medio de Actividades Comerciais no CIFP Rodolfo Ucha. No seu traballo, destacou que este negocio se centra na venda de produtos elaborados á man, un 60% de produción propia. Ademais, conta con tenda on line.

El armario de Carol foi galardoado grazas ao traballo presentado por Mª Vitoria Vivero, tamén do ciclo medio de Actividades Comerciais do CIFP Rodolfo Ucha. A alumna pon de relevo que esta tenda de roupa aposta pola calidade galega, e por produtos españois, franceses ou italianos, e tamén polos novos artesáns e deseñadores ferroláns. Ten páxina de facebook e de Instagram, nas que promociona os produtos á venda.

16 de xullo de 2018 | 14:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.