publicidade hoxe

A Xunta implica á mocidade en accións interxeneracionais e artísticas no campo de traballo os Pendellos de Agolada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAgoladaLocal Portada
A-
A+

Un grupo de mozos e mozas con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos están a participar no campo de traballo internacional Pendellos de Agolada (Pontevedra) ao abeiro da Campaña de Verán 2018 da Xunta de Galicia. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez Suárez, visitou esta maña a estes rapaces e rapazas que desde o pasado venres e ata o vindeiro día 31 compartirán experiencias neste campo de temática artística e social.

En concreto, as persoas participantes están a realizar un traballo de posta en valor dos encontros interxeneracionais e da creación artística comunitaria en espazos singulares no ámbito rural, durante o festival que cada ano se celebra nesta vila.

O grupo de voluntarios e voluntarias participará xunto con oito persoas xubiladas na creación dun espectáculo artístico comunitario. Así mesmo, neste campo de traballo realizaranse tarefas de divulgación do festival e apoio á organización do mesmo, así como animiación de rúa no contexto do Festival internacional de percusión.

A directora xeral de Xuventude destacou a importancia dos campos de traballo como ferramenta de educación non formal, xa que “engloban experiencias de participación, de voluntariado”. Ao respecto, engadiu que “son accións voluntarias, que os mozos e mozas realizan de forma altruísta e solidaria, poñendo o seu gran de area para mellorar, neste caso, o benestar das persoas maiores e a nosa privilexiada contorna medioambiental”.

A través da Campaña de Verán 2018, os campos de traballo poñen a disposición 925 prazas nesta tempada estival para mozos e mozas galegos, do resto de comunidades autónomas e do estranxeiro, así como para voluntarios procedentes da Galicia exterior. Así mesmo, os rapaces e rapazas da nosa comunidade poderán asistir a campos de traballo noutras rexións de España e en países como Francia, Alemaña, Bélxica, Italia, Grecia, Países Baixos, República Checa, Estonia, Letonia, Serbia, Ucraína, Islandia, Rusia, Turquía e incluso de fóra de Europa como Armenia, Camboia, China, Filipinas, Hong-Kong, Xapón, Corea do Sur, Taiwán, Nepal India e México.

Galicia conta nesta campaña cun total de 28 campos de traballo nos que os participantes realizan tarefas de tipo medioambiental, arqueolóxicas, de restauración, culturais e patrimoniais, audiovisuais e labores propias da organización dun festival. Os campos de traballo forman parte da Campaña de Verán ‘Vive a túa aventura”, na que se ofertan un total de 9870 prazas, 298 máis que na anterior edición. A Xunta inviste 3,2 millóns de euros –un 8% máis respecto ao orzamento de 2017- neste programa que segue a ser un referente a nivel de todo o Estado, ademais dun recurso de conciliación estival e de ocio educativo de primeiro nivel.

24 de xullo de 2018 | 12:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.