publicidade hoxe

A Xunta fomenta a convivencia e o lecer activo entre os cativos que participan no campamento de verán de Portomarín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPortomarín
A-
A+

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia, Cecilia Vázquez, estivo esta mañá coas persoas participantes no campamento ‘A miña primeira aventura’ que se desenvolve no albergue xuvenil Benigno Quiroga de Portomarín. Nesta actividade, que se enmarca na Campaña de Verán 2018, danse cita 50 nenos e nenas con idades comprendidas entre os 9 e os 12 anos na que xa é a terceira quenda das programas neste campamento.

Durante a súa visita, Cecilia Vázquez puido comprobar de primeira man o amplo abano de actividades que están a realizar as persoas que participan nesta acción de verán: vela, kaiak, bicicleta, fliker, patinaxe, tiro con arco, orientación e xeocaching, xogos tradicionais, slack line, sendeirismo, técnicas de vivaque, piscina, obradoiros e acampada. Este campamento conta con cinco quendas de 8 días de duración cada unha que acollerán ao longo do verán a 250 nenos e nenas.

A directora xeral salientou que, de novo, a Campaña de Verán da Xunta “volve ser un referente en España, ofrecendo á xente nova non só de Galicia senón tamén doutras rexións e mesmo do estranxeiro unha atractiva programación que converte a nosa comunidade nun destino preferente nos meses de xuño, xullo, agosto e setembro”. Nesta liña, engadiu que a oferta de verán que propón a Xunta ten como finalidade que “a mocidade desfrute participando en actividades de ocio e tamén formativas na procura de que o verán sexa un tempo para divertirse e tamén para o enriquecemento persoal”.

Os campamentos organizados nas instalacións xuvenís da Xunta para menores entre os 9 e os 17 anos de idade ofertan 6483 prazas nun total de 25 albergues e instalacións distribuídos por toda a xeografía galega. Dentro destes campamentos organízanse actividades de ocio educativo e de diferentes temáticas, como actividades náuticas, coñecemento do medio natural, dramatización e expresión cultural, xogos tradicionais ou deportes de multiaventura, entre outras.

Tamén se ofertan outras 315 prazas para que rapaces e rapazas galegos poidan participar en campamentos de intercambio con outras comunidades, concretamente no País Vasco, Castela e León, Estremadura, A Rioxa, Madrid e Cantabria. A xente nova destas rexións de España tamén poderán vir a Galicia para participar nos nosos campamentos. Así mesmo, e como vén sendo habitual nas últimas convocatorias, resérvanse 230 prazas para facilitar a participación de descendentes de emigrantes galegos.

Os campamentos de verán forman parte da Campaña de Verán ‘Vive a túa aventura”, na que se ofertan un total de 9870 prazas, 298 máis que na anterior edición. A Xunta inviste 3,2 millóns de euros –un 8% máis respecto ao orzamento de 2017- neste programa que segue a ser un referente a nivel de todo o Estado, ademais dun recurso de conciliación estival e de ocio educativo de primeiro nivel

24 de xullo de 2018 | 13:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.