publicidade hoxe

A Xunta financia a construción da nova escola infantil de 0 a 3 anos no polígono industrial de Mos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMosPontevedra
A-
A+

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, acompañado do delegado territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ignacio López-Chaves, visitou esta mañá as obras da futura escola infantil do polígono industrial A Veigadaña, no concello pontevedrés de Mos, que dará servizo aos traballadores e traballadoras desta contorna empresarial. Na visita tamén participou a directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González, así como responsables da entidade empresarial deste polígono que promove este recurso de conciliación financiado pola Xunta de Galicia.

A Administración autonómica concedeu á devandita entidade unha achega económica de 200.000 euros –o que supón o 80% do custe total da actuación- para dotar ao polígono dun equipamento educativo de 5 unidades e cunha capacidade máxima de 82 prazas. Esta liña de axudas, que se publicou por primeira vez no ano 2016 e que nestes momentos ten en marcha unha terceira convocatoria para os exercicios 2018 e 2019, enmárcanse no Programa de apoio á natalidade (PAN Galicia) e ten como finalidade a construción e posta en marcha de escolas infantís en zonas industriais da comunidade.

En declaración á prensa, Rey Varela salientou que esta iniciativa “permite achegar o coidado, a atención e a primeira formación dos nenos e nenas ao lugar de traballo do seus pais e nais facendo así máis doada a vida cotián das familias e a conciliación, que é un dos eixes prioritarios das políticas sociais en Galicia”. Así mesmo, manifestou que a entrada en funcionamento desta escola “fará posible que Mos conte cunha contorna empresarial máis atractiva e eficiente, posto que leva aparellada vantaxes como a mellora do clima laboral polo feito de que os pais e nais poderán desempeñar as súas tarefas coa tranquilidade de saber que os seus fillos están ben atendidos e, ademais, preto deles”.

Nesta liña, o responsable da área social do Goberno galego sinalou que para conseguir unha verdadeira conciliación da vida laboral, familiar e social “é indispensable contar coa implicación das empresas”. Ao respecto, lembrou que a Xunta de Galicia ten en marcha unha terceira convocatoria de axudas para os anos 2018 e 2019 por un montante global de 800.000 euros, que posibilitará a creación de ata catro novas escolas en parques empresariais e 164 prazas de 0 a 3 anos. Esta convocatoria, ao igual que as dúas anteriores, está cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

Por último, o conselleiro destacou o esforzo que está a facer a Xunta para que “Galicia sega estando á vangarda en materia de conciliación, porque aspiramos a que esta terra sexa o mellor lugar para ser pai e nai e, sobre todo, para que os nenos crezan e se desenvolvan de maneira plena”. De feito, esta liña de subvencións para a creación de escolas infantís en contornos empresariais se complementa co outra medidas que tamén forman parte do Programa de apoio á natalidade (PAN Galicia) como o incremento das prazas públicas ou financiadas con fondos públicos na rede galega de escolas infantís, o Bono Concilia e o Bono Coidado, a Tarxeta Benvida ou as Casas Niño.

17 de xullo de 2018 | 14:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.