publicidade hoxe

A Consellería de Educación adxudica a segunda fase de ampliación do IES Laxeiro de Lalín por 850.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalínLocal PortadaPontevedra
A-
A+

A Consellería de Cultura e Educación acaba de adxudicar a segunda fase de ampliación do IES Laxeiro de Lalín por preto de 850.000 euros, cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional nun 80%, no marco do Programa Feder. Así o publica hoxe o Diario Oficial de Galicia no seguinte enlace https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180702/AnuncioG0164-190618-0001_gl.html. As obras, que teñen un prazo de execución de 9 meses e serán realizadas pola empresa Construcciones Taboada y Ramos S.L., comezarán este mes de xullo. En concreto, prevese realizar a estrutura exterior durante o verán para, despois, compatibilizar a adecuación interior no curso 2018/19, sempre garantindo a máxima seguridade para o alumnado.

Neste sentido, os traballos terán como obxectivo crear un novo volume en planta alta no edificio dedicado actualmente aos talleres de FP. Este novo espazo albergará cinco novas aulas, reubicarase unha sexta anteriormente localizada na planta 0 e redistribuirase o espazo entre outras dúas existentes. Ademais, construiranse novos aseos, incluíndo servizos adaptados, e unha nova escaleira para mellorar a evacuación do edificio.

Preto de 1,2 millóns de investimento

Con esta licitación, a Consellería dá cumprimento ao xa avanzado o pasado novembro na visita ao centro, onde se comprometeu esta nova intervención. Así mesmo, cómpre destacar que esta segunda fase lle dá continuidade á primeira, na que se investiron máis de 300.000 euros co obxectivo de crear un viveiro de empresa –o primeiro nun centro educativo da comarca de Deza–, ampliar a biblioteca e dar resposta, tamén, ás necesidades dos ciclos de FP.

En definitiva, e sumando estas dúas actuacións, o investimento no IES Laxeiro por parte do departamento educativo da Xunta de Galicia nos dous últimos anos achégase aos 1,2 millóns de euros.

Fomento do espírito emprendedor

O obxectivo de ambas as dúas obras non só se limita a mellorar e modernizar os espazos do instituto, senón que tamén se pretende fomentar o espírito emprendedor do alumnado e favorecer a formación práctica nos talleres de FP. En concreto, a Rede de Viveiros en centros educativos, que agrupa un total de 26, ofrece unha moi boa oportunidade para que os estudantes e titulados en ciclos formativos poñan en marcha ideas de negocio cun asesoramento axeitado e gratuíto e nun viveiro que poden empregar como despacho de balde.

Por tanto, e ademais de ser o primeiro centro educativo da comarca de Deza que conta cun viveiro de empresa, o IES Laxeiro de Lalín tamén senta as bases da nova senda de implantación destes espazos de emprendemento, máis alá das cidades e dos Centros Integrados de Formación Profesional.

2 de xullo de 2018 | 14:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.