Medio Rural achega 1,7 millóns de euros ás comarcas de Allariz e A Limia a través do seu GDR
A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, realizou esta mañá unha ruta pola provincia de Ourense para coñecer distintos proxectos postos en marcha polo Grupo de Desenvolvemento Rural 10, A Limia-Arnoia, cos fondos Leader. En concreto, este GDR recibirá máis de 1,7 millóns de euros en dúas convocatorias destas achegas (2017/2018 e 2018/2019), dos máis de 10 millóns de euros que lle corresponden á provincia de Ourense.
Como explicou a conselleira, trátase dun GDR de gran tamaño, xa que está composto por ata 25 concellos de catro comarcas (Terra de Celanova, Allariz-Maceda, A Limia e a Baixa Limia), e moi activo xa que leva a cabo un gran número de proxectos de diferente índole para dinamizar a zona, ata 133 nestas dúas convocatorias. “Merece a pena esta visita para coñecer algunhas das moitas iniciativas postas en marcha a través destes grupo de desenvolvemento rural”, declarou Ángeles Vázquez, e engadiu que a través destas axudas Leader conseguimos “mellores servizos, asentar poboación e crear postos de traballo”.
Así, no municipio da Porqueira, a conselleira coñeceu a explotación areeira de Míllaras que, cunha axuda superior aos 100.000 euros (o 50%), está a modernizar a compañía con nova maquinaria e a renovación eléctrica. Nese mesmo concello, púxose en marcha unha nova empresa de xardinería con dous traballadores e solicitou unha axuda deste tipo para a compra de maquinaria e equipamento e a construción dun local no que gardala. Así, outorgóuselle unha achega de máis de 17.600 euros para sufragar a metade dos gastos.
Servizos para os veciños
Xa en Vilar de Santos a aposta foi de carácter social, porque se levarán a cabo tres actuacións para mellorar a atención ás mulleres e ás persoas con mobilidade reducida, ao tempo que se incorporan novas tecnoloxías para a xente moza da contorna. En concreto, instalarase un ascensor na casa do concello, crearase unha oficina de atención á muller e renovarase a aula Cemit (Centro para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica), estes dous espazos no centro social do municipio. En total, o orzamento preciso é superior aos 122.000 euros e recibirá unha achega de 85.000 euros para facer fronte aos pagos.
Tamén melloras nos servizos para os veciños foi polo que apostaron no concello de Vilar de Barrio, onde se adaptará un local municipal para a súa transformación en velorio cunha achega de 5.100 euros (o 43% do orzamento).
Posta en valor do patrimonio
Doutra banda, este GDR quixo impulsar a escavación arqueolóxica e posta en valor do castro situado en Outeiro do Castro, entre os concellos de Baños de Molgas e Xunqueira de Ambía. Neste caso o proxecto inclúe labores de roza, rareo e poda nunhas tres hectáreas dentro do recinto arqueolóxico, así como nos camiños de acceso, e a sinalización destes accesos coa colocación de paneis informativos no inicio dos camiños. A escavación, de aproximadamente 200 metros cadrados, inclúe un levantamento topográfico e un estudo dos materiais arqueolóxicos atopados durante a escavación, así como a correspondente información posterior.
En total, farase un investimento de 38.600 euros cunha axuda do 90%, preto de 35.000 euros. O obxectivo principal é a recuperación patrimonial do recurso co fin de fomentar a dinamización turística dos concellos de Baños de Molgas e Xunqueira de Ambía.