publicidade hoxe

Infraestruturas inicia as obras mellora da seguridade viaria no entorno do tramo de concentración de accidentes da PO-308 en Portonovo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraSanxenxo
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, anunciou o inicio das obras de mellora da seguridade viaria no entorno do tramo de concentración de accidentes na estrada PO-308 na entrada a localidade de Portonovo en Sanxenxo.

Estes traballos, executados pola Consellería de Infraestruturas e Vivendas, enmárcanse dentro das actuacións que está a desenvolver este departamento para intentar reducir o número de accidentes nas estradas autonómicas.

Tal e como explicou o delegado territorial, as obras contan cun orzamento de 36.211 euros, IVE incluído, cun prazo de execución dun mes.

Estes traballos consistirán no repintado da travesía de Portonovo, entre os quilómetros 18+600 e19+350, co obxectivo de que se poida reordenar o aparcamento existente de xeito que se aparque marcha atrás para mellorar a seguridade viaria nas manobras de aparcamento. Por outra banda, levarase a cabo tamén o desprazamento dos pasos de cebra para separalos dos carrís centrais de espera, protexéndose mediante o pintado dun cebreado previo ao paso de peóns, para mellorar a súa visibilidade.

A maiores, reducirase o ancho de carrís, mediante o pintado dunha zona central e repintado do aparcamento en liña para dotalo de máis ancho que o actual, e completarase a actuación coa instalación de balizas e de sinalización vertical.

13 de xuño de 2018 | 18:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.