Covadonga Toca pon en valor a formación adaptada ás necesidades do tecido empresarial para avanzar no emprego inclusivo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia
A-
A+

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, e a directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fabiola García, participaron hoxe en Santiago nun acto de recoñecemento co que Down Compostela e a Fundación Vodafone España puxeron en valor o traballo desenvolvido por 8 mozos e mozas con discapacidade intelectual no curso de formación prelaboral en novas tecnoloxías, unha actuación que forma parte do programa Yo me prep@ro, que desenvolven as dúas entidades.

Os alumnos e alumnas recibiron hoxe os diplomas que acreditan que xa están preparados para traballar tras adquirir habilidades en TIC´s que lles permite manexar programas de ofimática, usar diversas aplicacións móbiles ou navegar por Internet, entre outros.

Toca destacou que a formación adaptada ás necesidades do tecido empresarial é un piar fundamental para acadar un emprego inclusivo, sinalando que a Xunta traballa neste ámbito para avanzar no camiño da inclusión na sociedade de todas os galegos e galegas, sen excepción. Neste senso, apuntou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria está primando a creación de postos de traballo dos que máis o precisan cunha maior intensidade de axuda para os colectivos con máis dificultades para acceder ao mercado de traballo.

Así, a través da Axenda 20 está a destinar este ano máis de 13 millóns de euros para apoiar os centros especiais de emprego e ás empresas de inserción laboral, así como para fomentar a contratación de persoas con discapacidade nas empresas galegas.

Indicou a importancia de adecuar os perfís profesionais ás demandas dos sectores estratéxicos e emerxentes de Galicia garantindo que as súas habilidades e competencias estean aliñados coas necesidades das compañías. En palabras de Toca, o reto para a Xunta neste ámbito é impulsar a formación entre as persoas con capacidades diferentes e promover que as empresas ordinarias aumenten a contratación de este colectivo para acadar a plena igualdade.

A responsable de Emprego afirmou, ao respecto, que o Goberno galego comparte todos os obxectivos marcados no programa Yo me prep@ro porque considera o emprego como “unha ferramenta esencial” para avanzar no camiño da inclusión, destacando que a formación e a capacitación son tamén piares fundamentais.

A Xunta traballa cos centros especiais de emprego impulsando a súa posta en marcha e mantemento das súas instalacións e axudándolles a afrontar os custes salariais dos seus traballadores e coas empresas de inserción laboral apoiando a contratación.

En definitiva, apuntou que o Goberno galego traballa polo emprego inclusivo procurando unha maior achega do emprendemento das persoas en situación de vulnerabilidade reforzando as súas capacidades e habilidades e ofrecéndolles novas oportunidades laborais.

Por último, apelou á colaboración de todos os axentes implicados na inclusión laboral dos que máis o precisan como son as administracións públicas, as entidades privadas e as empresas, lembrando, por último, a importancia de dar oportunidades laborais ás persoas con Síndrome de Down e con discapacidade intelectual.

5 de xuño de 2018 | 17:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.