publicidade hoxe

Cetmar reúne a investigadores, ao sector marítimo-pesqueiro e a administracións nunha xornada sobre os retos tecnolóxicos para a xestión do lixo mariño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+

Os últimos avances e os retos tecnolóxicos para a localización, seguimento e retirada do lixo que se acumula no mar foron abordados hoxe na xornada que sobre esta temática tivo lugar no Centro Tecnolóxico do Mar en Vigo e que reuniu a representantes do sector marítimo-pesqueiro, das administracións e dos centros de investigación implicados na loita contra o lixo mariño.

A xornada, organizada pola Plataforma PROTECMA, serviu para incidir no impacto do lixo no medio mariño. Así o puxo de manifesto a directora-xerente da Fundación CETMAR, Paloma Rueda Crespo, no acto de apertura, no que estivo acompañada pola directora do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño, Covadonga Salgado.

Na súa intervención, a máxima responsable do Intecmar resaltou a importancia de abordar a xestión e tratamento do lixo mariño desde todos os ámbitos, dado o seu impacto non só no medio e na fauna mariñas, senón tamén nos consumidores, debido á contaminación por microplásticos de determinados organismos.

Covadonga Salgado recordou que o Intecmar participa en diferentes iniciativas con ese obxectivo como a propia Plataforma PROTECMA, que lidera CETMAR, ou no proxecto europeo CleanAtlantic que, coordinado tamén pola Fundación galega, aborda a loita contra o lixo mariño no Espacio Atlántico a través de diferentes accións.

Ao longo da mañá os asistentes puideron coñecer os programas de seguimento e medidas para a retirada de lixo no mar do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Tamén os novos métodos, tecnoloxías e ferramentas para a localización, seguimento, control e xestión do lixo mariño que se están a testar en diferentes proxectos de investigación.

Os expertos expuxeron así o potencial dos vehículos autónomos mariños para a detección e seguimento do lixo mariño, da aplicación de modelos numéricos para localizar as zonas onde se acumulan os refugallos ou da utilización de embarcacións multipropósito para a recollida de flotantes.

Durante os relatorios púxose de manifesto que o 80% do lixo mariño está formado por plásticos, a maioría deles dun só uso, e que as pezas dese material fragmentadas son as que lideran a lista dos desperdicios máis frecuentemente atopados no medio mariño, así como as cabichas, os restos de aparellos de pesca ou os envases e tapóns.

13 de xuño de 2018 | 19:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.