publicidade hoxe

Balseiro participa na xornada de clausura do obradoiro de emprego de Barreiros, Trabada e Lourenzá

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBarreirosLocal PortadaLourenzáLugoTrabada
A-
A+
José Manuel Balseiro na clausura do obradoiro

José Manuel Balseiro na clausura do obradoiro

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, mantivo hoxe un encontro cos alumnos do obradoiro de emprego Serra da Cadeira IV, promovido polos concellos de Barreiros, Lourenzá e Trabada, e subliñou como un dos principais valores destes programas de formación e emprego “a súa adecuación ás necesidades das empresas e do territorio no que se desenvolven”.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria investiu 280.000 euros neste proxecto no que actualmente traballan 20 persoas: Tres monitores, un administrador, un director e 15 alumnos que reciben formación teórica e práctica nas especialidades de carpintaría ou conservación e mellora de montes e actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinaría.

Balseiro visitou unha das obras realizadas polo obradoiro, a reforma das ventás, portas e mobiliario da antiga escola de Villamartín Grande, en Barreiros, que correu a cargo dos alumnos da especialidade de carpintería. Estivo acompañado polos alcaldes dos tres municipios, Alfonso Fuente (Barreiros), Rocío López (Lourenzá) e Mayra García (Trabada).

O delegado afirmou que estes proxectos “impulsan a empregabilidade dos participantes, dado que se orientan cara a perfís profesionais con demanda no mercado de traballo, e ao mesmo tempo realizan obras e servizos de interese xeral en beneficio da comunidade”.

Así, en Lourenzá executáronse tamén traballos como o acondicionamento das carpinterías exteriores de edificios municipais, a instalación dunha pérgola e o acondicionamento e axardinamento de varios espazos verdes. Igualmente, en Trabada as obras centráronse nas áreas recreativas e espazos naturais, como as concas dos regos Vidal, Vilaforman-Vilapena, Valboa, Fornea e San Martiño.

O obradoiro comezou o pasado mes de setembro e rematará a finais de xuño. A Xunta xa ten aberta unha nova convocatoria para poñer en marcha máis iniciativas que ofrezan unha oportunidade de reciclaxe a traballadores desempregados.

Nova convocatoria

O prazo para presentar solicitudes está aberto ata o vindeiro 25 de xuño. A Consellería convoca obradoiros duais de emprego e os específicos para menores de 30 anos, dous programas que se porán en marcha no mes de setembro e cos que a Xunta prevé incrementar as oportunidades laborais de máis de 2.350 persoas desempregadas en Galicia.

Poden optar a estas axudas, ao igual que outros anos, as administracións locais (con prioridade os Concellos Emprendedores), asociacións de entidades locais e mancomunidades e, no caso dos duais, tamén, como novidade este ano, as entidades sen ánimo de lucro do ámbito forestal constituídas e rexistradas como asociacións.

Os obradoiros duais combinarán un contrato de formación e aprendizaxe durante 9 meses e a contratación en prácticas de, como mínimo, tres meses máis nunha empresa emprazada no ámbito territorial onde teña lugar o obradoiro, e sempre que o traballo estea vinculado coas materias que se impartan no programa. Darase prioridade aos obradoiros forestais e aos vinculados ao Camiño de Santiago.

Pola súa banda, os obradoiros de emprego dirixidos especificamente á mocidade tamén ampliarán a duración de seis a nove meses.

14 de xuño de 2018 | 16:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.