publicidade hoxe

Ángeles Vázquez: “Casa Grande de Xanceda é un exemplo de produción sostible e de calidade”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMesía
A-
A+
Ángeles Vázquez no 50 aniversario de Xanceda

Ángeles Vázquez no 50 aniversario de Xanceda

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, asistiu hoxe ao 50 aniversario da Casa Grande de Xanceda, ubicada no concello coruñés de Mesía, onde destacou os éxitos acadados para converterse a día de hoxe nun “exemplo de produción sostible e de calidade”.

A conselleira salientou a aposta realizada por esta empresa familiar pola agricultura ecolóxica, poñendo no mercado infinidade de formatos de iogures, queixos, xeados e produtos lácteos en xeral. Neste senso, aproveitou para subliñar a recente presentación do Plan Estratéxico da Produción Ecolóxica, que conta cun orzamento de 50 millóns de euros para os vindeiros cinco anos. Un programa, matizou, auspiciado polo propio sector que repercutirá en toda a cadea valor, dende a produción ata o consumidor final.

A titular de Medio Rural sinalou que o obxectivo deste plan é garantir un crecemento sostido a medio e longo prazo deste sector, que na actualidade conta con 32.000 hectáreas certificadas e máis dun millar de operadores. Entre eles, atópase Casa Grande de Xanceda, que transforma algo máis de dous millóns de litros de leite ao ano e conta cun volume de negocio duns catro millóns de euros.

As súas canles de comercialización inclúen desde a venda directa na súa ecotenda, as canles curtas de comercialización en colexios ou colectividades; así como tendas especializadas, grandes empresas de distribución e mesmo mercados de exportación. Unha presenza, recalcou a conselleira, que é froito do esforzo e traballo desta entidade por facerse un oco entre o público sen perder a súa esencia tradicional.

Responsabilidade social

Doutra banda, a conselleira tamén quixo felicitar a Casa Grande de Xanceda polo seu compromiso social, que inclúe accións como “Que vén o lobo”, un proxecto que fomenta a prevención de ataques de lobo coa incorporación de burros e mastíns; “Educa con Malibú, ningún can sen fogar”, para a prevención do abandono dos cans, ou o proxecto “Cultiva mazás” polo que se promove o emprendemento rural.

5 de xuño de 2018 | 17:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.