publicidade hoxe

A Xunta rehabilitará o Pazo de Dona Urraca para instalar nel a oficina de turismo e o Centro de Interpretación do Camiño de Santiago

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugoLugo
A-
A+

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, asinou hoxe coa directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, o convenio para rehabilitar a Casa Torre e o pazo de Dona Urraca, no barrio da Tinería, co fin de destinalo a Oficina de Turismo e o Centro de Interpretación do Camiño de Santiago.

Vázquez Mourelle explicou que o pazo de Dona Urraca é unha peza arquitectónica singular, cuxo proxecto de rehabilitación se redactará despois do verán. Precisou que nestes momentos se está concretando o estudo de necesidades coa Axencia Turismo.

Sinalou que a Oficina de Turismo ao trasladarse ao Pazo de Dona Urraca deixará libre o baixo do edificio da rúa Miño 10-12, que tamén é de propiedade autonómica, polo que será ofertado en réxime de alugueiro para a implantación e desenvolvemento de actividades comerciais.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, valorou a posta en marcha da nova oficina de Turismo de Galicia no Pazo de Dona Urraca que axuda a impulsar a actividade económica e social do barrio e demostra a “importante contribución que o turismo está a ter para a recuperación do patrimonio histórico e cultural de Galicia”. Neste sentido, recordou que esa é unha das prioridades do Goberno autonómico enmarcadas na Estratexia do turismo de Galicia 2020, folla de ruta do turismo na comunidade, un dos aspectos que máis valoran os viaxeiros que recibimos.

Nava Castro referiuse ao potencial turístico lucense, que está a propiciar que cada vez sexan máis os turistas e peregrinos do Camiño Primitivo que se achegan á cidade. Fixo mención ao incremento nun 19% do número de viaxeiros no primeiro cuadrimestre do ano, situándoa como a cidade de mellor comportamento relativo entre os destinos urbanos de Galicia. “Con esta nova oficina daremos un paso máis na mellora dos servizos turísticos de Lugo para visitantes como estes e outros moitos que de seguro recibiremos, cunha infraestrutura moderna e adaptada ás necesidades actuais dos viaxeiros”, explicou.

Ethel Vázquez tamén avanzou que nestes momentos se está a redactar o proxecto da urbanización e execución de vivendas do entorno do pazo de dona Urraca e a entrega está prevista para xullo, o que permitirá avanzar e iniciar os trámites de contratación. Este proxecto permitirá dispoñer doutras 11 vivendas de promoción pública, rochos e locais comerciais e urbanizar o espazo exterior, descubrindo o pazo e abrindo a súa fachada a un espazo público.

O acordo hoxe asinado tamén contempla o acondicionamento da Casa-Torre, na rúa Rinconada do Miño, na muralla, coa que comunica directamente. Trátase dun inmoble propiedade da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo, no que se realizarán as actuacións de rehabilitación necesarias. Para isto, crearase unha mesa de traballo que abordará as alternativas de actuación e o uso ao que deberá ser destinada.

O Goberno galego leva investidos máis de 25 millóns de euros na recuperación de edificios da Tinería, o que permite que actualmente haxa 36 edificios totalmente rehabilitados propiedade da Xunta, con 87 vivendas e 23 locais comerciais. Non obstante, o Executivo autonómico segue traballando, con 4 novas obras adxudicadas, por importe de máis de 1,2 millóns de euros, que se corresponden con 4 edificios situados nas rúas Tinería e Recanto do Miño, dos que se obterán 9 vivendas e 2 locais comerciais.

A Xunta adxudicou onte os traballos do edificio situado na rúa Recanto do Miño 17, que xa conta con licenza municipal, polo que se iniciarán as obras este verán. E de xeito inmediato, previsiblemente nas primeiras semanas do verán, comezarán os traballos na rúa Tinería 30.

13 de xuño de 2018 | 19:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.