publicidade hoxe

A Xunta informa das novas axudas para a posta en marcha de escolas infantís en áreas industriais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurenseOurense
A-
A+

A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González Méndez, reuniuse hoxe con responsables de asociacións empresariais e entidades representantes de parques empresariais e polígonos industriais de Ourense co obxectivo de darlles conta da nova convocatoria de axudas para financiar a construción de escolas infantís nestas contornas que hoxe publica o Diario Oficial de Galicia (DOG). A delegada territorial da Xunta nesta provincia, Marisol Díaz Mouteira, tamén participou nesta xuntanza informativa que se celebrou no edificio da Administración autonómica na cidade das burgas.

O Consello da Xunta daba luz verde o día 5 do pasado mes de maio a esta nova orde de axudas que posibilitará o financiamento dun máximo de catro escolas que sumarán como mínimo 164 novas prazas de atención a nenos e nenas de 0 a 3 anos. O obxectivo desta medida é seguir avanzando na corresponsabilidade da administración galega e o tecido empresarial no desenvolvemento de medidas de conciliación.

Deste xeito, a Consellería de Política Social dá continuidade a unha medida que permite ás familias dispoñer dun lugar para a atención dos seus fillos e fillas preto do seu posto de traballo, o que contribúe a crear contornos laborais máis atractivos e eficientes, así como a mellorar a calidade de vida e de traballo das persoas. Este é o terceiro ano que se realiza unha convocatoria de axudas para poñer en marcha escolas infantís en contornos empresariais. Ao abeiro das dúas convocatorias anteriores financiáronse tres escolas emprazas no parque científico e tecnolóxico Río do Pozo (Narón), no polígono industrial da Tomada (A Pobra do Caramiñal) e no polígono industrial de Mos, estando as dúas últimas en proceso de construción.

Esta nova convocatoria conta cun orzamento total de 800.000 euros distribuído en dúas anualidades, correspondendo 200.000 euros ao presente exercicio de 2018 e 600.000 euros ao vindeiro de 2019. Estes importes están financiados en parte polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020. Coa súa publicación no DOG, a Xunta abre durante un mes o prazo de presentación de solicitudes para acollerse a estas axudas.

Ao igual que nas anteriores edicións, ao abeiro desta orde, poderán ser beneficiarias as asociacións empresariais ou entidades representantes dun parque empresarial ou polígono industrial que desenvolvan a súa actividade en Galicia e que dispoñan dunha parcela de terreo apta para o establecemento dunha escola infantil nun polígono, parque empresarial ou nas súas inmediacións. Así mesmo, deberán achegar un estudo que reflicta que existe un mínimo de 50 nenos e nenas menores de tres anos potenciais usuarios da escola e un plan de viabilidade que permita a posta en funcionamento e o mantemento do centro durante un mínimo de cinco anos.

A convocatoria subvencionará a realización do proxecto básico e de execución para a construción ou reforma dun inmoble destinado á creación da escola, o acondicionamento da parcela e o equipamento das instalacións que inclúe o material didáctico e de xogo. As axudas consistirán nunha subvención de ata o 100% do custo total do investimento realizado, cun límite máximo global por escola e entidade beneficiaria de 200.000 euros.

Con este crédito poderán obter financiamento ata catro novas escolas que constarán dun mínimo de tres unidades e 41 prazas. Todas elas estarán separadas da actividade industrial, preferentemente nunha zona axardinada que protexa o edificio das condicións exteriores e contarán coas medidas correctoras precisas de protección contra o tráfico, o ruído, a contaminación e outras actividades molestas ou prexudiciais.

Máis medidas de conciliación

A Consellería de Política Social traballa no desenvolvemento dos mecanismos precisos para facilitar a conciliación e a corresponsabilidade na vida familiar e laboral, mellorando a oferta de recursos e servizos para que respondan ás necesidades dos pais e nais e ao mesmo tempo contribúan ao desenvolvemento afectivo, psicolóxico e físico das e dos menores.

Nesta liña, a creación de escolas infantís de 0 a 3 anos en polígonos industriais e parques empresariais constitúe un recurso máis que a Administración autonómica pon a disposición das familias para facilitar a conciliación da súa vida persoal, familiar e laboral.

Este recurso complementa outras medidas que está a impulsar a Xunta como son: a ampliación da rede de prazas en escolas infantís públicas ou financiadas con recursos públicos que no curso 2018-2019 superará as 24.000, o que sitúa a ratio de atención por riba do 41% (oito puntos máis que a media aconsellada pola Unión Europea); o programa Bono Concilia, dotado para o vindeiro ano escolar con máis de 3,4 millóns de euros e coa previsión de beneficiar a máis de 3.700 familias; ou a posta en marcha do programa de Casas niño no rural, ao abeiro do cal se están a financiar 41 recursos deste tipo e se apoiará a entrada en servizo doutras 15 novas cunha nova convocatoria que se publicará proximamente.

5 de xuño de 2018 | 17:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.