publicidade hoxe

Sol Vázquez informa en Niñodaguia sobre as liñas de axuda dirixidas a impulsar o sector artesán galego e a garantir o seu relevo xeracional

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, participou esta mañá nun encontro con artesáns no que lles explicou as diferentes liñas de axuda da Consellería de Economía, Emprego e Industria que se poden aplicar ao sector da artesanía. Entre elas, destacou a iniciativa da Xunta de Galicia de apoiar a formación de aprendices nos obradoiros artesáns galegos, co obxectivo de garantir a transmisión das técnicas e dos oficios artesanais e para a que se investirá un millón de euros.

O encontro celebrouse no Museo da Olería de Niñodaguia (Xunqueira de Espadanedo) un dos catro centros de olería tradicional que aínda están en activos en Galicia, xunto con Buño, Bonxe e Gundivós. Un centro de referencia no sector da artesanía galega e na posta en valor dos nosos oficios tradicionais.

A directora xeral explicou que este orzamento servirá para formar un total de 80 aprendices a xornada completa durante un ano, aínda que os acordos poderanse formalizar por un período de entre 6 e 12 meses e a xornada poderá ser de 20 ou de 40 horas semanais. A Xunta achega unha remuneración para o aprendiz, que dependerá da súa xornada, ademais dunha cantidade fixa de 200 euros ao mes para que o obradoiro destine a materiais. As axudas pódense solicitar ata o 15 de setembro ou ben ata que se esgote o crédito, porque se conceden por concorrencia non competitiva.

A directora xeral destacou que está a piques de publicarse a resolución das tres ordes de axudas convocadas no ano 2018 para comerciantes e artesáns orientadas a apoiar dende proxectos de expansión comercial e novas fórmulas de comercialización; dixitalización e modernización de empresas comerciais e artesanais; ata programas da competitividade da artesanía galega, e que contan cun orzamento de preto de 4,5 millóns de euros.

16 de maio de 2018 | 16:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.